Cando chego ao hotel despois de escribir a parrafada anterior teño unha chamada perdida, non coñezo o teléfono.

Chamo e sae a voz inconfundible de María, que me di chea de ledicia que ela e o Pepe van ter un pequecho ou pequecha, será para verán…Choramos e rimos como parvas e falamos un bo pedazo (supoño que o reloxio biolóxico marca as horas irremediablemente). “Vades ser tías” me dí.

Esta fin de semana verémolos. Xa me tarda.

Aquí ando en terras asturianas por segunda vez nun ano e por motivos profesionais. . . Tras un “duro día”metida no curso visito unha pequena tenda de banda deseñada e merco Batman Black and White para o Xeógrafo e as Historias Extrañas (v.I) de Hellboy para min, espero botarlles un ollo ao chegar ao hotel.

Merlín e familia está repousando na mesiña de noite do hotel e tamén A vella serea: unha que é optimista e pensa que vai ler aquí o que non le na casa, unha peniña! Déitome na cama, dúas follas e quedo torrada… Non se poden cumplir anos. Ainda que hoxe pola mañá falando con Cesare xa me dixo que tiña ao pequeno Potter agardando por min!!!

Antonte vin un avance da próxima peli na tele, ten unha pinta fabulosa, ainda que polo momento a mellor ao meu entender foi O prisoneiro de Azkabán, igual que o libro. Seica esta non é recomendable para menores de 12 anos, din que ten pasaxes consideradas “aterradoras”, haberá que velo.

Cando saio de mercar os libros son as 19:45 e non tiven tempo nin de mirar hoxe o xornal para ver o que había por aquí. Onte a noite durante a cea vin no xornal que estaba sendo o Festival Internacional de Cine de Gijón e que falaba Isabel Coixet e tamén consultei a carteleira…mais hoxe nin idea, así que decido ir ao cine. Despois de preguntar por unhas Galerías próximas nas que hai uns multicines achéghome, pero xa é tarde a última empezou ás 19:45 e xa son as 20:05. Ía con idea de ver O método e non a daban alí, así que tampouco me importa demasiado…Esperarei a chegar a casa e ir a ver Unha historia de violencia co Xeógrafo…vas comparar!!!

Entro a tomar unha caña no Lautrec -non todo vai a ser Vermeer (ou si?). Un paisano pide un Rioja frío, a camareira -incrédula, pero con moita sabedoría e amabilidade- di: “frío?, míre témolo aquí-sinala unha fresqueira-, non está frío, pero tampouco do tempo”, o paisano toma o viño, pero con cara de pensar: “mira que non ter o Rioja frío, que paciencia hai que ter!!!”.


Métome nun ciber e póñome a escribir mentres escoito no MP3 que me regalou e encheu de música o meu moreno o Hopes and Fears de Keane, realmente quedei prendida deles, é case a única música que escoito dende hai un mes…

Teño que ir pensando onde tomar un pinchiño para cear-de camiño vouno meditando sobre o asunto-, mañá quedan 5 horas curso e onte durminme bastante tarde. Non sei que viaxe me esperará mañá, supoño que longa, comeza a ponte de Defuntos, así que Deus nos colla confesados.

Agora irei dando un paseo pola praia de San Lorenzo e sacarei algunha foto nocturna de camiño para o hotel…


“-Benvidos a Isengarda, meus señores!-dixo-. Somos os gardas da porta. Chámome Meriadoc, fillo de Saradoc, e o meu compañeiro, a quen venceu o cansazo-e deulle unha patada ao outro-é Peregrin, fillo de Paladin, da casa dos Tuc. O noso fogar áchase moi lonxe de aquí, no norte. O señor Saruman está aí dentro; neste momento atópase encerrado con Lingua de Verme, ou en caso contrario estaría aquí para recibir a uns hóspedes tan honorables”. O camiño a Isengarda de As dúas torres (J.R.R. Tolkien).

Merry foi o primeiro en chegar, -regalo de Hilaria-xa tiña a Lolo e non podía facerse cargo dos dous. Mes de febreiro de 2001 nos Loureiros, Merry tiña 8 meses, sempre me arrepentirei de non termos cámara de fotos para lembrar cómo era…agora penso que sempre foi grande.

Pippin chegou en agosto do 2004 para facerlle compañía ao pobre Merrichiño, moitas horas só na casa. Cando chegabamos non saía dos pés. O nome supoño que era inebitábel, xa o tiña antes de chegar. Igual que o personaxe de ficción é o máis novo e o máis traste-ten unha pata biónica dende os dous meses-. Caeulle o radiocasete mentres xogaban e houbo que operalo de urxencia, cando lle curou a pata o ferro xa estaba encastrado no óso… O veterinario dixo que non habería problema, só que tiveramos coidado se queriamos viaxar con el no avión

Merry é persona, polo menos iso pensamos Xeógrafo , Pippiño vaino conseguindo pouco a pouco, pero a súa alma felina persiste-supoño que para ben del-, sempre busca unha fiestra aberta pola que poder sair…e xa o conseguiu un par de veces…


O mundo está totalmente desquiciado, de verdade. Coméntanme no traballo unha nova sobre a investidura Doctor Honoris Causa de Carrillo e de inmediato acudo a vela. As palabras están de máis, é absurdo…

A continuación para vivir o surrealismo máis intensamente, coméntanme que acuda a Lixo Dixital. O artigo non ten perda, sobre todo cando lle dedica a Carrillo eloxios como “carnicero de Paracuellos”. Por favor, alguén lle pode recomendar un bo libro de historia a ese cretino, para que se ilustre de cómo comenzou a guerra e quen foi un dos protagonistas da transición, xunto a un ministro da dictadura …pero a ser posible que non sexan as “nuevas aportaciones de historiadores sin prejuicios ni autocensuras progres”, léase Pío Moa e Cia.

Sen ánimo de poñerme nostálxica, hei de decir que crecín rodeada de roxos. Nacín no 73 e dende que teño uso de razón escoitei falar de política na casa. As festas do PCE, as celebracións do 1º de maio no parque con CCOO, as reunións do partido nun local abaixo da miña casa e algún que outro mitin de Carrillo, e un par de visitas ao mesón dos meus pais-sendo xa eu bastante máis maior-, son agora prezadas lembranzas .

Por suposto que no momento non era consciente de todo o que aquilo levaba consigo, mais para min era algo especial e sentíame leda de vivir eses momentos cos meus pais e amigos, amigos da nenez que son amigos nos días de hoxe…tiña a sensación de estar pasando por algo importante e diferente dos nenos que me arrodeaban na escola. Lémbrome que fun na miña clase, con 7 anos a única rapaza que non daba relixión, aínda que por suposto tiña que “chupar banquillo” facendo os deberes…

Os tempos pasaron e os problemas son outros. Mudou o meu pensamento, a miña forma de ver o mundo que me arrodea e a interpretación que fago del, mais sinto fachenda de poder ter compartido cos meus pais aquiles momentos de inquedanza política -estes os vivín menos-e de ilusións cando creron poder ver cumprido un soño polo que moitos coma eles loitaran…Mais nunca tiven a sensación de estar rodeada de xente que apreciase a un asasino.

Precisamos de análises máis profundas da realidade, non de panfletos de usar e tirar , que hai quen asume como verdadeiros a forza de ser repetidos nuns medios cada vez máis viciados

Despertei cedo- como case sempre- a promesa dun domingo polo medio da semana non xurdiu efecto.

Os michiños miallaban e pisábanme a barriga mentres eu deixaba de facer buses vermellos de xoguete no meu soño…non tiñan almorzo.

Xeógrafo durme creando terras descoñecidas para o seu xogo, quen sabe…Despertareino cun almorzo inglés: café, croasán e xornal. O de hoxe non será como o dos domingos, poderán ulirse as portadas de mañá cheas de soldados e bandeiras-vermellas e amarelas-descomunais…

Soño (lat. somniu(m) s.m. 1. Imaxes, pensamentos e outros fenómenos psíquicos que se manifestan durante o sono e que se perciben como reais. 2. fig. Esperanza, proxecto realizable; ilusión. 3. fig.Imaxinación de cousas imposibles; fantasía, ilusión, quimera.

Desexo estar algún día en Delft, sentir a luz baixo a que pintou Vermeer.

Mentres agardo, eiquí haberá un lenzo de imaxes e pensamentos e de fenómenos psíquicos, que se manifestarán nos sonos, nas vixilias e nos días que virán…