O Xeógrafo e Solo remataron unha terra na que xogar que espera a ser descuberta…

Nada desexaría máis que informar dun pronto achádego… Espero poder facelo.


Particolare non é pero si xeitosa, polo momento. Adoro os domingos de inverno, pola mañá na cama ata ás mil…cama redonda con Merry e Pippin acubillados nese campiño verde mazá que temos o Xeógrafo e eu para escapar do frío e do cansancio.

O domingo pola mañá está a ser o momento de achegarme aos meus sonhos para enchelos con palabras e ler tamén os sonhos dos demais.

Hoxe ao entrar na Aranheira non podo evitar caer no divertido xogo que propón “el ñiño de la guía”…Lémbrome das miñas clases de iconografía na Facultade de Historia e ainda que algo desadestrada achego 3 ou 4 novidades para a solución do xogo: unha imaxe que pecha dentro de si 70 grupos musicais o solistas.

Pero eu hoxe entrei a falar de cinema. Unha das cousas que me atrae de Cineuropa é poder ver na pantalla grande pelis que doutro xeito non sería posible. O venres vimos no Salón Teatro Una giornata particolare. Vimos e sobre todo escoitamos porque o volume era brutal, deberon poñer a cinta e sair correndo da cabina.

Non sei se é axeitado pensar que xa non se fai cine como ese, non sei se é lóxico pensar que xa non hai actores coma Marcelo Mastroianni e Sofía Loren, pero a sensación coa que saio do cine é de que non.

Sen ir máis lonxe, onte á tarde, antes de disfrutar dunha opípara cena en casa dos Polos coa que celebramos oaniversario da Emperatrice, estivemos vendo Kill Bill I e II. Hei de recoñecer que ainda que Uma Thurman me parece boa actriz, a peli non me dixo demasiado, sen ter en conta o pequeno corto animado co que se fala da vida dunha das coprotagonistas de orixe oriental. Penso que Tarantino abusa xa demasiado da mesma estrutura narrativa e o que conta non é realmente tan novedoso, unha historia de violencia con flashbacks, pasos adiante e pasos atrás, non sei, un pouco máis do mesmo…xa non sorprende demasiado.

Penso que a beleza e a bondade das cousas moitas veces está no sinxelo, un bo texto e un par de bos actores ben dirixidos fan unha boa película: O home que puido reinar, A raíña de África, A soga, A pegada

Eran outros tempos…


Nesta absurda listaxe de pintores favoritos que ilustran ás veces estas parrafadas, Arcimboldo ocupa o número 8, aquí vai o seu “Bibliotecario”, ainda que hoxe máis ben modificaría o título polo de “Lectora in extremis”

Hoxe paso por aquí “de puntillas no más”. Teño que enfrentarme a 300 páxinas de Harry Potter e o Príncipe Misterioso en menos de dous días, o tempo apremia.

Esta semana por diversos motivos está protagonizada polo fútbol, negocio que detesto dende que teño uso de razón, e a verdade non sei moi ben por que. Afortunadamente -dende a miña perspectiva-non o tiven que padecer na miña infancia, non lembro ver aos meus pais vendo un partido de fútbol na casa. Só tiven que padecelo algo máis tarde e por motivos máis prosaicos.

O Xeógrafo tampouco gosta do fútbol, seica tivo unha pequena crise “siareira” cando o Compos subiu a 1ª (vago soño), pequenas debilidades de xuventude. Agora gosta de deportes máis heróicos e nos que se súa menos.

Galatasarai-Depor en Cineuropa: fútbol de fondo, un mesmo día, situacións semellantes en catro países diferentes, intentando comprenderse en oito idiomas distintos. Finalmente a lingua non semella unha barreira, un elemento de incomprensión. É a interpretación dos sentimentos, a forma de entendelos o que conduce ao “ruído” entre ás persoas, e este elemento pode darse -e se dá-, ainda que se fale o mesmo idioma…

“It’s not the photo, it’s the way” dille o Sarxento Barreira con sorna ao peregrino húngaro ao que lle roubaron a cámara díxital con 500 fotografías da súa peregrinaxe . O húngaro ben lle entende o que o paisano lle anda a decir, mais é o Sarxento o que non comprende…non é capaz de imaxinar o tesouro que agocha esa cámara….


Saio de traballar, quedo co Xeógrafo para ir ver Hard Candy, un pequeno oasis de lecer antes de tornar ao traballo que me espera a continuación na casa.

Nighthawks aparece na camiseta que Jeff lle regala a Hayley…qué casualidade penso, hoxe o día vai de Hopper!

Ao sair do cine co corpo revolto-maldita tendencia de somatizalo todo- penso no cadro de Hopper, penso en qué ten que ver Nighthawks con Hard Candy. Creo que Hopper é un dos pintores contemporáneos que mellor pintou as soidades, as individuais e as colectivas. Os homes e as mulleres de Hopper están aillados ainda que estean arrodeados de xente, sempre hai un certo aire de estrañación, hai algo oculto, impenetrable, pechado en cada un de nós, en cada un deles. Jeff dille a Hayley que as caras enganan…

Terei que descansar un pouco para reciclar este empacho visual de violencia.

Mais isto non é posible, o PC espera pacientemente mentres o Xeógrafo xa case durme a escasos metros de min. Levo sentada uns minutos cando o aduaneiro me di polo mess que xa está subida na rede Ediciós da Rotonda. Milleiros de parabéns por Todo o que esperamos ler e ver nesta iniciativa de contidos de libre distribución en galego… polo momento eu xa gardei O home inédito na miña máquina.

Plaxiando a Nick Hornby en Alta Fidelidade e tendo en conta a listaxe dos meus 10 favoritos-neste caso pintores- penso en Hopper para ilustrar este breve post, xa que tempo non me da p’a mais. Nesta listaxe mental ocuparía o número 3; a cousa non vai por orde, pero e que o 2º é algo bucólico para representar este contido xa cheghará, supoño….

Unha fin de semana na que o otium non foi o principal protagonista, ainda que estivo ben representado por un insólito venres de “confraternización” laboral ata as 5 da mañá.

O negotium estivo representado por un intenso domingo- not in the office-enzulada diante do PC na habitación azul, un pouco sozinha, mentres o Xeógrafo remata de pintar a Faramir.

Esta semana espero inaugurala en Cineuropa, vendo Hard Candy, se o negotium non o impide…