A vaga de frío suspende a nosa visita aos Roxos, unha madruga esperada convírtese nunha sesión de letras e cama inesperadas ata as dúas da tarde eu con Oliver e o Xeógrafo con Jack.

Adiantamos a sesión de cinema do mércores a este frío domingo e tras o 5º episodio de Doctor en Alaska marchamos a ver o filme de moda.

A peli gustoume, coincido coa crítica de Pawley en destacar a Jake Gyllenhaal e o seu mirar de esguello. Teño moitas ganas de vela en versión orixinal porque había algo na dobraxe de Heath Ledger que non me gustou, non sei, non sabería decir o que foi exactamente, a voz era máis brusca do que facían ver os seus beizos falando sempre para a camisa.

Un dos mellores momentos para min é a visita á habitación de Jack, cando atopa as camisas de hai vinte anos. A intención de reter un instante nun obxecto, como se o tempo quedara parado aí para sempre, o obxecto cotián convírtese nun tesouro. É o poder das pequenas cousas…

Había tempo que non o facía, coller o domingo a mañá, estrada e manta-o da manta non en sentido literal, ainda que hai que ir pensando en meter unha no Pratiñas para futuros “pícniques” e sobadas post-comellada no campeiro. Non o faciamos por cuestións de loxística e de vagancia tamén, para que negalo. O feito de coller o bus bótame para atrás, moitos anos en zona rural-coller o bus para mercar un bolígrafo-e moitos anos de Ferrol a Compostela.

Mañá na terra de Castelao e tarde nas Torres do Oeste, día mariñeiro, a costa non perdoa…


E os gardas de tráfico tampouco, despois dun prácido día na ribeira a crúa realidade chega en Compostela en forma de multa …éche o que hai!!!

Os días de chuvia e frío son dados a saudades. Supoño que por iso, e pola miña estrutural tendencia á melancolía, e porque a miña desconexión do mundo real neste novo ano non produce moitos temas dos que falar, lémbrome de London-máis ben diría “relémbrome” por enésima vez. Tamén tivo bastante que ver nesta lembranza ler a enclosure de Cesare…

Foron seis días de agosto, pateadas de ata 14 horas diarias, moi ben guiada polo Xeógrafo-el facía o camiño e eu os bocatas, bendito reparto!-, xa que orientación espacial non é un dos meus fortes.

O Look Right dos pasos de peóns quedou impreso na nosa memoria da viaxe cun Mira beeeeeen!!! cada vez que atravesábamos a rúa…facendo honra aos risos que nos botamos cruzando as rúas londinenses dicindo unha e mil veces a “bendita” frase, puxémoslle ese nome ao arquivo de fotos que gardamos con moito amor e coidado no noso PC.


Deses Seis días en London cheos de visitas aos typical places podo dicir-se é preciso escoller- que as mellores lembranzas son as dos paseos polas tardes e as noites pola cidade e as medias pintas nos pubs, mortos de cansancio-eu por riba de todo- e falando das visitas do día seguinte.

Chegamos un venres, as 6 da tarde saiamos do hotel e en 10 minutos estabamos nas portas do British, a cousa pintaba ben, seguimos media hora de camiño e topamos coa National Gallery e moi ao lonxe o pequeno Big Ben. Guía en man tiramos canda o Soho e desfrutamos da primeira cea no Chuen Cheng Ku en Chinatown.

Non podo esquecer o aroma a curry cando caía a noite no Soho, paseamos por alí por 3 ou 4 veces. Nada máis chegar o xeógrafo mercouno e agora bótallo a todo-fish or flesh- tentando atopar ese sabor, mais non o conseguimos, polo momento!.

Pero non todo ían a ser museos, galerías e catedrais, e como o frikismo non ten fin, non puidemos deixar de ir á estación de tren de Kings Cross e á 9 e 3/4 Platform a sacarnos a foto atravesando á parede para coller o tren de camiño a Hogwarts, despois de visitar o Diagon Alley *. E tampouco deixamos de entrar-ainda que isto si que foi sen premeditación, xa que non o coñeciamos- no Forbbiden Planet Megastore, onde o Xeógrafo mercou ao seu heroe e onde eu me levei unha decepción ao non atopar a requetebuscada camisola do meu.

Habería milleiros máis de cousas para contar, como non!. Supoño que haberá unha segunda parte…ou non. En calquera caso unha das cousas que xamais esquecerei e que alí vin por primeira vez dous cadros de Vermeer…pero esa é outra historia, que será contada noutro momento e noutro lugar.

*Por certo e falando de London, esta semana por fin rematei Harry Potter e o Príncipe Misterioso -non foi sen tempo!!!-. Despois de Harry Potter e o prisioneiro de Azkabán, penso que é a mellor, e tamén a máis triste e estraña…haberá que esperar a ver cómo resolve J.K. Rowling o derradeiro episodio, despois dun xiro tan inesperado…