Estes días a cidade parece un camposanto de paraugas…e a alma esta canción de Beta Band.

Aproveito esta chuvia para dicer que Magritte ocupa o número 9 na miña listaxe, totalmente subxectiva, de pintores favoritos-ainda que el tamén foi escultor-. Este cadro é Golconda, pintado no ano 1953.


Veño dun velorio, calquera diría que este é un feito triste, mais non. Veño de rir a esgalla e de pasalo en grande.

Magnífico texto.

Estupendas, divertidísimas e excesivas interpretacións-nada de negativo neste último adxectivo-, expresionistas, propias da farsa que é, as veces parecen un cadro de Kirchner-pero en “rústico” como di Catarina, unha das personaxes da obra-.

Un numeriño musical que arrincou o aplauso do público e unha escenografía sinxela pero moi efectiva e unha banda sonora de Tom Waits, que nin pintada!

En resumo un pracer, en todos os sentidos.


A foto é de Christoph Lingg

Un viaxeiro camiñaba sen destino, polo pracer de camiñar, de coñecer, de descubrir. Paseando por un carreiro chegou a un prado dun verde intenso e de súpeto comezou a ver no chan lápidas con nomes e datas: Al hut aj-Janubiyya: 8 anos, 9 meses e 3 días, An-Nahr: 7 anos, 7 meses e 27 días, As-Saratan, 10 anos, 9 meses e 1 día… Así seguía o viaxeiro lendo con tristura os nomes dos nenos e nenas mortos. Ao fin atopou unha choupana e había un vello sentado fóra, quentando os ósos co sol do mediodía e falou con el:

-Dígame ancián, que enfermidade se leva a tantos nenos do seu pobo?

O vello sorriu ante a sorpresa do viaxeiro e respostou:

-Mozo, no meu pobo cando os mozos e as mozas chegan aos 15 invernos lles facemos un presente: un caderno e un lapis. En cada unha das follas van apuntando, a un lado un feito que lles fixera felices e ao outro canto tempo lles durou es felicidade: o primeiro bico de amor, o nacemento dun fillo, desfrutar cun amigo, coñecer un lugar novo…Cando a persoa morre a felicidade que xuntou na súa vida é a que queda como lembranza.

Este conto contouno Serxio no derradeiro número de Soberanas e gostei muito del, eu non teño nin de lonxe a graza nin a voz do contacontos e a escritura está feita coas lembranzas máis significativas do mesmo, ainda así penso que o importante é a esencia.

Hoxe no choio peleeime co Gimp, ao final conseguín amansalo…e que eu son de letras…
Hoxe ao sair de traballar había luz e calor.


Hoxe a virtualidade mesturouse coa realidade nun encantador, agarimoso e pícaro encontro.
Hoxe rin a cachón.
Hoxe cheguei a casa cansa pero leda.
Hoxe de novo só tres na casa

Femmes de tête de Hervé Nisic e Marina Julienne

Elas son 15 privilexiadas do sistema. Tamén 15 máis que mostran unha verdade triste polo que ten de evidente: a diferencia-neste caso como en moitos outros, non só referidos ao xénero-é unha eiva, que moitas veces nin a ciencia pode/quere superar.

Hai verdades que por evidentes non precisan comentarios. 15 científicas europeas-doutros continentes xa nin falamos-contan a súa experiencia vital coa ciencia e a investigación, os atrancos, as soidades e o requetesabido que non se lles pregunta xamais aos seus compañeiros de profesión.

“Está aí, non o ves, pero non deixa pasar…”