Máis ben o tiven, e para ser exacta debería dicir que o tiveron meus pais, un Seat 127 vermello matrícula C-6912-G. É o primeiro coche que lembro, e para ser exactos é o primeiro dos dous coches que houbo na casa dos meus pais ata o momento. Cando o probe estaba a punto de ser defunto xa tiña máis de 15 anos, moitos viaxes e historias, o que teñen agora xa vai tamén polos 15, e eu teño 33, así que é doado botar contas.

Lembro ao meu pai lavando o coche na porta da casa dos meus avós, collendo auga do “repuesto”, enxabonando, baldeando e o que máis me gustaba de todo o proceso…a famosa cera, quedaba dun vermello escintilante. E a miña irmá e mais eu que non levantabamos catro palmos do chan lle diciamos como no anuncio: “¿Coche nuevo?, e el nos decía: ¡No, no, Rally!, e riamos todos a cachón.

Lembro ir 12 de persoas no coche, a metade non mediamos máis dun metro e ibamos todos ledos no maleteiro sentados… se nos pillaran agora!. Esto da silliña para alzar aos pequenos era ciencia ficción.

Lembro o meu primeiro viaxe a Barcelona con 6 anos cos meus pais e a miña irmá, mortiñas de calor. Lembro o regreso de Bordeaux con 13 anos, con parada en Bilbao para ver a amigos aos
que non via desde que tiña 6 ou 7 anos…tantas cousas!


E ben, de onde vén esta nostalxia? Pois ainda que pareza mentira xurdiu no traballo. Chegoume información deste proxecto e se agolparon na miña cabeza estas lembranzas e moitas máis, pero non chegaría o espazo e aburriría ás pedras. Supoño que eu poñerei un grao, este fin de semana en Ferrol comentareillo aos Roxos.


Por certo, mentres escribo escoito isto. Estupendo e diferente!

Rogier van der Weyden: Descendimiento.
1435-1440. 220 x 262 cm. Oleo sobre táboa.
Museo do Prado, Madrid
Desde que o Xeógrafo está traballando fóra cústame máis vir para a casa, ainda que nela esperan Merry e Pippin, que os meus pobres están un pouco máis soçinhos do que é habitual. Este feito propicia tamén que leve case dúas semanas sen pasar por este sonho, e sen pasar polos sonhos que aquí se deixan acoller.

As 8 horas que paso diante do ordenador na oficina, merman a miña capacidade e as miñas ganas de sentarme no da casa, ainda que sexa para prácticas de lecer. Unha gozosa visita relámpago do Meu, ainda que fora por motivos medio laborais, e a madruga para velo marchar de novo, regálanme un pouco de tempo para pasearme por Delft e os seus soños antes de ir ao traballo.

Este cadro de hoxe ten unha razón de ser, e non é que se achegue a Semana Santa, xa que non son moi devota que digamos. É unha pintura que proxectaron nunha das conferencias que se están a realizar na Fundación Caixa Galicia de Compostela con motivo da Exposición “O retrato español no Museo do Prado” e que me impresionou polas súas cores resplandecentes e a calide da conservación da mesma. Unha magnífica exposición e catro estupendas conferencias, hoxe é a cuarta e derradeira dedicada a Goya.

Hei de recoñecer que no referente á pintura as miñas preferencias decántanse claramente cara ao retrato, e traizoando ao cadro co que se abriu este blog, que me parece un dos cadros máis fermosos do mundo, o que prima por riba de todos é un retrato, totalmente espido no seu fondo e por suposto de Vermeer