Churrasco, conversa, cantada e botellón en Bonaval.

Arredor das 20: 00 cheguei da xantanza blogueira…que millor xeito de entrar case nas vacacións que coñecendo xente á que deveces por coñecer e a outra á que dá ledicia ter coñecido, e coa que hei de encher nos vindeiros días a sección de soñadores.

En fin un domingo para non esquecer, aínda que xa case estou pagando as consecuencias do exceso de cervexa.

E mañá, derradeiro día de traballo, comeza a conta atrás para London, e moitos días de ausencia nesta casa virtual, ou non…quen sabe.

Aproveito un ilusionante agasallo transoceánico para despedirme ata a regreso..Bicos e milleiros de apretas para todos, todos.

“As nosas esperanzas non caben nos lindeiros da razón. Mataremos , se é preciso, á saudade; porque a saudade cicais sexa unha espranza entristecida, ladoroeira de aicións.

Galiza ten hoxe unha forza vital capaz de conducila a todol-os delirios de grandeza. Pode chegar á loucura, pero -ouvídeo ben, hespañoes-, endexamáis chegará ao suicidio. E Galiza deixará de loitar pol-a liberdade cando a conquira.


Pedimos…

Pedimos que a nosa Terra sexa nosa. Porque somos fillos d-ela. Porque ninguén máis pode gobernala. Porque ninguén máis pode cumprir a postrimeira manda dos nosos hirmáns: os que deron a vida pola liberdade.”

Castelao


Esta era Chip, na foto ainda é pequeniña, ten só uns mesiños, e agora debía ter pouco máis de ano e medio. Vivía no xardín da casa da mai do Breogán, xunto a Chop e a súa nai, a Mouriña.

Viámolos todos os días aos dous xogando no xardín desde a nosa casa, tódolos días saían, sobre todo ela, a recibirte cando chegabas de traballar, co rabiño para arriba-de gata amistosa-e se cruzaba polo medio das pernas…coma os michiños da casa.

Ás noites estaban sempre na porta os tres, esperando a súa ración de penso, e temos pasado ratos largos mirándoos xogar pola fiestra.

A Mouriña tivo agora outros tres filliños, que xa han de ir polos dous meses, pero son algo máis meducas e non se achegan canda nós, ainda que tamén andan dando chimpos polo xardín.

Onte apareceu no xardín, nun lugar a sombra e xa non chimpou máis, seica andivera algo pocha pola mañá e non sabemos moi ben o que lle puido pasar.

Agora segue no xardín, para sempre baixo o limoeiro, en fin, só quería que quedara aquí un pequeno agarimo e lembranza para ela e para todas as veces que se nos enredou ao Breogán e a min baixo os pés.

Estou de mudanza virtual, o que pasa que está a levar un pouquiño de tempo. Está é unha das razóns polas que non paso por aquí, ainda que non a única.

Saquei adiante o teórico do carné -á primeira, cousa coa que non contaba moito- e agora teño máis tempo libre, pero a verdade é que o tempo non convida moito a sentarse diante do ordenador.

A xornada de mañá é un estímulo enorme para facer cousas, pero a calor déixame tirada na casa, e a non ser que vaia á praia, durante a semana, o que me apetece de verdade é ir a tomar unha Estrella ao caer a noitiña, cando xa se está fresco…

Noutra orde de cousas, o proxecto do Asociación Cultural Casco Vello vai para adiante, e tamén o proxecto dos encontros de rol en Compostela, que acaerán, moi probablemente en outubro-seguiremos informando-. Teremos tamén a sorte de contar cun espazo para organizar actividades e xogar unhas partidas e moitas máis cousas, pero iso xa o comentarei un pouquiño máis adiante.

Pero o mellor de todo, sen dúbida é que por fin, e se os fados non o impiden, a principios de agosto estaremos onde estabamos xusto hai un ano…AQUÍ, vendo, e por un día máis que o ano pasado, moitas das cousas das que quedamos con gañas.


En fin, un mes de agosto cheo de promesas e por riba de todos, de descanso… Os meus mellores desexos para os que esteades de vacacións, e para os que non, coma min, a miña solidariedade…Sempre nos quedará soñar!


Grupo de xente ao sol, Edward Hopper, 1960.
Óleo sobre lenzo, Washington D.C.,
National Museum of American Art.