Inauguro esta mudanza virtual, cunha viaxe pasada.

As vacacións case están chegando á súa fin, e custa explicar con palabras unha morea de imaxes mentais e de sensacións que se xuntaron nestas catro semanas.

Un mes de sol e praia de viaxes e de reunións cos amigos de sempre como había tempo que non sucedía. O nacemento de Julia e a voda dos seus pais, con celebración campestre en San Cristovo, foron os artífices dalgúns dos mellores momentos deste mes de agosto.

Un mes que comezou coa viaxe a London, o día 2 partimos cara á illa, e regresamos o día 9 . Imaxe das Illas BritánicasUnha viaxe moi esperada durante todo o ano, o desexo dunha segunda parte, que podo dicir que foi tan boa como a primeira, a pesar do cansancio, das bochas nos pés e dos sete días comendo pasta e sandwiches do Tesco.

O que máis me gusta de Londres é pasear polas rúas, sentir a cidade, sentir o cheiro do Soho, alucinante, unha mestura de curry e comino e non sei cantas especias máis.

Este ano a cidade estaba moito máis saturada de xente, de xente coma nós. Os museos estaban cheos de xente, ás veces non era doado andar polas rúas e en Trafalgar, a onde iamos cear case cada noite, alí era misión imposible atopar un banco onde repousar os pés fatigados. Neses días ten lugar ademais o Trafalgar Festival, un festival de rúa onde a música e a danza enchen a praza de xente, e onde a calquer hora do día podes ver os ensaios das vindeiras actuacións.

Houbo na viaxe tempo para a lembranza, para ‘revisitar’ lugares pasados, pero sobre todo para ver espazos e lugares novos.

Entrada do Museo de Historia Natural

O Museo de Historia Natural, que visitamos no primeiro día da nosa viaxe foi do que máis me impresionou. Un espazo creado ‘ex profeso’ para este fin, cunha arquitectura prodixiosa e unha asombrosa decoración, tanto no exterior, coas gárgolas imitando dinosaurios, como no interior cos seus fermosos monos de terracota. Contan cunha magnífica exposición permanente arredor dos dinosaurios, pero esa é outra historia…

Agora voume preparar para gozar uns días da praia, se o tempo o permite, na miña terra natal, vou a queimar os ‘últimos cartuchos’ destas vacacións.

Vémonos á volta.

Ben, como estes días ando un puco apurada (e que as vacacións son moi estresantes, je, je) e case non paro na casa nin me sento diante do ordenador, poño ao xeito da querida Pícara, unha imaxe tomada nun pub de Londres e que ten un trasfondo pictórico (como non!) …Pode ser tamén un pequeno xogo ou adiviña para ver se nos atopades, ao Xeógrafo e a min na foto, e mirar tamén se vos lembra a algunha pintura moi recoñecida da National Gallery e a outra que quizais o é menos, mais é do meu querido Vermeer e que está no Kunsthistorisches Museum de Viena.


Cando sente un ratiño máis diante do PC xa contarei un pouquiño máis da magnífica visita á pérfida Albión.

E chegar para ver isto…aterraxe en Lavacolla.

Sen palabras.