Ben, recén chegada de Monterrei, e aterrizada no traballo e na dura xornada partida, só dicir unha cousa… se tivera que ser un soldado en época medieval morrería coa fame, e máis enfrontándome a un mercenario de Pimentel de case 1.90 m., cun escudo resitente a calquer envite!

Se queredes saber máis, podedes mirar aquí, hai historia e hai imaxes

O mellor da experiencia, ou case o millor: dormir nun castelo, no Castelo de Monterrei.

Xa estou de volta desde hai uns días ao traballo e á rutina da vida diaria, pero aínda queda o peor, xa que a vindeira semana comezo a xornada partida no chollo, moito peor para min que voltar das vacacións.

Con todo están a ser unhas semanas de moito traballo xa que a asociación de rol que estamos a crear vai levar a cabo uns encontros para dentro dun mes na Chocolataría e hai moito chollo por diante, moito que coordinar e moito por facer: organizar a exposición de cartaces, xuntar á xente para facer as partidas, pedir cartos e material, en fin…curre a punta pala.

Pero non todo foi traballo, tamén tivemos tempo de ir a ver a expo da Noiva Cadáver, e xusto ese día estaba na Coru a feira do libro vello e tamén unha de artesanía, e o Xeógrafo aproveitou para mercar en El Baúl de los Recuerdos, unha chea de libros de rol de superofertón. Gostei moito da exposición, pequeniña pero con xeito, aínda que botei a faltar a figuriña de Víctor.

Continuando co cinema, estes días tiven a mala sorte de ver Alatriste. Aínda que non leín os libros de Reverte recoñezo que fun a vela con moita curiosidade, pensando que ía a ser unha boa película, a verdade é que prometía (ao meu entender)…Craso erro!!! Que desfeita!!! Unha trama totalmente deslabazada, sen pés nen cabeza; cortes bruscos nos cambios de escena; incongruencias cronolóxicas (como ben dixo Dpaso no chollo, “se despois de dez anos en Flandes non pasa un ano por eles, cámbiolles o traballo”); música anticlimática e discordante coa acción, porque o son de Semana Santa da batalla final máis que enxalzar a heroicidade dos personaxes daba sono; e que decir das interpretacións… O meu benquerido Aragorn, que ten unha voz tan fermosa cando fala castelán -cun forte acento porteño- parecía que estaba bébedo durante toda a película, Eduardo Noriega moi forzado e as interpretacións femininas deixaron bastante que desexar, ao meu entender; para min os mellores foron os secundarios: Eduard Fernández e Antonio Dechent, que creo que dan unha gran calidade aos traballos que fan, e tamén Javier Cámara no papel de Conde Duque de Olivares.

E tiven a boa sorte de ver A Moza da auga, desta vez ía sen moitas expectativas e pareceume unha película estupenda, un conto de fadas estraño, como case todo que fai Shyamalan, aínda que hei de recoñecer que da que máis gosto deste director segue a ser O protexido; encantoume o protagonista Paul Giamatti ao que descobrín hai pouco grazas a unha recomendación (American Splendor) de Ghanito.


Isto prolóngase de máis, e aínda me quedaría moito por contar, pero hai que deixar para outro día…Ademais o vindeiro fin semana, se ninguén o remedia, convertireime, xunto ao Xeógrafo, nun soldado malfeitor da facción de Fonseca; cubrirei a batalla como reporteira de primeira fila, así que xa vos contarei como foi a cousa.