Así son eu…Mais a que vén este descubrir os meus defectos sen pudor algún…

A semana pasada saíndo de paseo pola noite con algunhas amigas, estabamos a falar de xoias, pendentes, complementos e esas cousas, e eu dixen que eu era unha perdularia. Sempre ando a perder os pendentes, desde nena, ou non sei onde os deixo cando mos quito, e aparecen meses despois nos lugares máis insospeitados. Entón botaron a rir dicindo que nunca escoitaran esa palabra, pola contra, na miña casa díxose sempre.

Un pouquiño máis tarde e a horas algo máis intempestivas falabamos de sair de festa e bailar – mentres o faciamos – eu dixen que sempre fora unha canfurneira, aínda que agora teño menos folgos, e todas botaron a rir, preguntando que qué era iso de canfurneira…Só unha rapaza o sabía tamén, e por que, pois porque coma min era de Ferrol.

Isto non é para pedir as cinco palabras máis ‘autóctonas’ que saibades, pero non está de máis que todos nos enriquezamos mutuamente con palabras, agora que está aí á volta o día do libro…

E a foto…Pois é destas de porque si…De porque chegou a primavera, e porque a imaxe do noso gatiño Merry quentándose na fiestra é unha expresión da ledicia do sol primaveral dando no corpo…

Algunha vez teño falado por aquí dunha listaxe de pintores favoritos, que xa non lembro se completei…E agora mesmo sería un pouco complexo buscar en ano e medio de posts para recuperalos, pero tendo en contas as veces que puxen cadros deles podería nomear a Vermeer, Klimt, Magritte, Arcimboldo ou Hopper, sen ir máis lonxe no post anterior – penso que é o pintor que do que máis cadros empreguei neste blog, xa que expresa moi ben os estados de ánimo, ou o estado de ánimo que produce a soidade, para ser exactos – , a quen penso que nunca nomeei , e da que gosto moito, é a pintora polaca Tamara de Lempicka.

En datas moi próximas a Fundación Caixa Galicia traerá parte da súa obra á sede de Vigo.

Así era ela…

Así veía ela a primavera…

Primavera, 1928

Óleo sobre madeira, 40×33 cm

Colección privada

Dous meses dan para moito, ou para moi pouco según como se mire…Mais a mmmmúsica foi quen de sacarme do letargo.

Tras un mes de febreiro cunha xornada máis longa do habitual que durou ata case mediados de marzo, e no que entre outras cousas fixen 34 anos como 34 soles, ou chuvias según como se mire, chegou unha etapa un pouquiño máis descansada…

Mentiría se dixera que non só non escribín por falta de tempo e ganas de estar diante do portátil. Imaxino que en todo hai etapas, e esta foi un breve descanso que supoño que se repetirá co tempo, ou non…

Convidada por Lúa neghra e Trasalba a facer crecer esta listaxe dos nosos temas mmmmmusicais erótico-festivos favoritos, e agradecendo previamente que me tiveran en conta malia o tempo que levo sen pasar por aquí e por acolá, vaia por diante a miña listaxe…

Dez temas, parécenme moitos temas, non porque non os haxa obviamente, senón porque agora mesmo a inspiración marchou de vacacións e cómpre respostar a esta petición antes de que caduque. E así, e facendo honra ao tema das listaxes do que falou Nick Hornby na divertídisa Alta Fidelidade, da que xa falei noutro post, vaia por diante a miña lista de cinco, mañá serían outras totalmente diferentes, talvez dentro de media hora, mais a que nunca, nunca, nunca mudaría sería a primeira…

1. Love theme da banda sonora da Blade Runner

2. Come on baby light my fire deThe Doors

3. No tocarte de Radio Futura

4. Put the Blame on mame de Rita Hayworth

5. Walk on the wild side de Lou Reed

…e acaba de virme á cabeza Sway cantada por Dean Martin e incluída na banda sonora de 2046.

Coido que xa pasou o tempo de mandar este requerimento a máis xente, e xa todos fustes convidados por alguén, así que botando un ollo vexo que faltan Breogán, o Paideleo e Artipráctor