Así veía Michelangello a David e a Goliath

En pintura

En escultura


Así se ve en Ferrol a Goliath

Ben, houbo Letras Galegas, houbo ponte e paseíño por Coruña e por Vigo por mor desa novidade editorial que moitos agardamos impacientes.

En Vigo despois de comer unha deliciosa berenxena con bacallau no Palo Palo en compañía de Breogán, Kunka e Tromzar, e mentres os creadores de Gáidil se reunían co seu ilustrador, outros marchamos a ver a fabulosísima exposición de Tamara de Lempicka, que agardo ir ver de novo antes de que remate. Algún obxecto persoal da pintora, fotografías e a súa obra – pictórica e en debuxos – , sempre acompañada de textos explicativos moi ilustradores e nada pesados. Saín moi impresionada, se hai obras de algúns artistas que perden na corta distancia, hai que dicir que a de Tamara de Lempicka gaña, e esa frivolidade que moitas veces se lle bota en culpa nas súas pinturas, por outro lado sempre fermosas, esváese en cadros como o seu Refuxiados españois, unha peza pintada no 1937.

Unha fabulosa escolla pinturas entre as que estaban algunhas das súas máis recoñecidas: Retrato do marqués d’Afflitto, Retrato da Duquesa da Salle, moitos das súa filla Kizette, Saint Moritz, Retrato de Tadeusz de Lempicki, Home vello con guitarra…Pero un dos que nos pareceu máis fermoso as persoas que alí fomos foi este: A túnica rosa…Impresionante ao vivo!

Ben e hoxe domingo electoral, aquí en Santiago -onde estou empadroada – as cousas máis ou menos quedan como están, pero parece que en Ferrol, a miña terra, terá novos aires…É moi difícil facer as cousas peor do que se estaban a facer nesa cidade tan castigada, agardemos que este novo goberno que chega á cidade traia un pouco de esperanza, e apoie a loita do pobo contra o polvorín que nos meteron no medio da ría.

Na miña familia, tanto por parte de nai como de pai, o mar sempre foi o protagonista.

Meu avó materno- ao que non coñecín, xa que cando morreu eu estaba a piques de sair da barriga da miña nai – era pescador, seica bastante bo polo que teño entendido. Os meus catro tíos, dous deles mortos prematuramente, tamén dedicaron dun xeito ou outro a súa vida ao mar -tres como pescadores e un como mariño mercante- .

Ao meu avó paterno, canteiro, -ao que si coñecín, e que morreu de vello – lembro de sempre velo sair coa pequena barca a pescar fanecas e doncelas que despois fritían a miña avoa, ou a miña tía para comer ou cear. Lémbroo na porta da súa pequena casa facendo chalanas, pintándoas…O mar forma parte da miña vida desde que nacín.

Agora meus pais teñen unha pequeniña embarcación, coa que sobre todo meu pai vai pescar chocos, calamares e peixes que despois forman parte dos xantares en Compostela cos amigos…Un pouco do mar de Ferrol terra adentro, sobre unha mesa desta cidade de pedra. Esta pequena embarcación estivo a semana pasada na ría ferrolá, xunto con moitas outras, intentando impedir o que ao final foi…A entrada do Galicia Spirit cara á planta de gas. Curioso nome para un gaseiro, que se con algo pode rematar, vai ser precisamente con algo que forma parte do espírito de Galiza: o mar.

A casa dos meus pais e na que eu me criei queda case fronte á gasificadora cruzando o mar: na Cabana, un pequeno pobo entre a Graña e Ferrol… Unha bomba dentro da ría de Ferrol, unha bomba fronte á casa dos meus pais…

Aquí van algunhas das imaxes que tomaron nestes días…

Lua Neghra convidoume e non podo, nin quero dicir que non, e aínda que xa non compartimos certas fatigas, si que podemos compartir sentimentos, e iso sempre é gratificante… Ela propón unha listaxe de músicas, letras ou imaxes que nos emocionen ata as bágoas, a libre elección, pois a ver o que sae de aquí…

1. Música: xa que o convite sae dun post que se chama Días de abril, no que fai homenaxe á Revolución dos Cravos – e tendo en conta que as dúas temos sange ferrolá, e polo tanto levamos o cantar no sangue – hei de dicir, aínda que soe a topicazo que non podo escoitar sen que asome unha bágoa – ou dúas – Grândola, desde nena me emociono ao escoitar esa canción…Incluso cando non sabía moi ben todo o que significaba. As voces poderosas e cargadas de emoción, como nesta canción, non precisan de explicación.

2. Máis música: Alfonsina y el mar. Case non me lembraba… Hai poucos días nunha celebración entre amigos, un deles músico, tras facernos escachar coa risa cantando algunhas de Les Luthiers comezou a rolda de compracementos: bossa para Ana, que canta como os anxos e despois Alfonsina…Había tempo que non a cantaba e tamén que non lembraba como me emocionaba con ela…Nada, que vivo afogada pola música pop, que lle queres!!!!

3. Películas: Chorei con milleiros delas, pero agora me vén á mente, por influencia tamén do comentario á canción de The Kids, que fai Lua Neghra: A decisión de Sophie, cando ela ten que elexir, ante a petición dun soldado alemán entre a vida da súa filla e a do seu fillo…Tamén en De ratos e homes cando George vese na obriga de pegarlle un tiro ao seu compañeiro antes de que unha moitedume de xente se achegue para linchalo… E por supostísimo esta, sempre…

4. Imaxe: Pois serían innumerábeis, pero por exemplo esta que vin hoxe paseando por aquí, as imaxes de nenos padecendo a guerra, ou a fame…Aínda que non sei se saen bágoas, ou berros da gorxa ante tanta estupidez humana….

5. Letras: Isto é o menos doado…As imaxes e as músicas me chegan á mente con máis facilidade…Houbo moitos, e busco na mente e xorden pasaxes de A vella serea, Ensaio sobre a cegueira, as traxedias da Triloxía Tebana de Sófocles, pero agora cheogume á mente este: Recuerdos de la resistencia. Querería poñer algun párrafo, máis coñedes a frase “Libro prestado, libro perdido ou estropeado”, pois neste caso foi así…En calquera caso, son as historias de mulleres protagonistas da Guerra Civil, desde as máis recoñecidas, como Federica Montseny ou Dolores Ibarruri, e incluso Rosario La Dinamitera, ás máis anónimas que morreron nos cárceres ou loitaron de todos os xeitos que puideron no frente e tras el…

Non encomendo a ninguén máis esta petición porque a miña xa foi respostada con moito retraso, e xa hai outras novas circulando pola rede, en calquera caso, aí queda esta.