Primeiro día marcado pola pintura, a escultura e uns reloxios que xa non marcan as horas para as saídas do tren en d’Orsay

Non é doado agora lembrar todo o que vimos, aínda que iamos co guión preparado, xa que todo non cabe no saco. Chegamos ao museo atravesando as Tullerías e obtendo a nosa primeira imaxe da Torre e do Obelisco de Luxor na Plaza da Concordia de París.

O que máis gostei de ver, ademais da fermosa estación – que xa é unha obra de arte por si mesma – foron as obras de Courbet, as Portas do Inferno – que veriamos de novo, pero desta vez en bronce no Museo Rodin – e unha fermosa reprodución de Edipo en Colonna.

Ao sair, xa a piques de pechar o museo e con día por diante, tiñamos proxectada unha visita a un dos topicazos turísticos – habería máis – a Torre Eiffel. Tiñamos idea de subir, cando menos ao primeiro piso, mais a marea de xente que alí había fíxonos desistir sen moito desencanto pola nosa parte, sacamos un par de fotiños, miramos os Campos de Marte e marchamos en sentido contrario, para vela desde un lugar máis alto e oposto a estes campos.

Anoiteceu, mercamos cea nun Monoprix, se a memoria non me traizoa, e sentamos a xantar nun banco a carón do Sena, aínda que este non se podía ver pola altura do muro…Un ano atrás quedaban os xantares á beira do Támesis, cos seus bancos altos encaramados ao río, nun dos parques próximos ao Parlamento, o Saint James creo – seguro que o Breogán me correxiría, xa que teño mala memoria para os nomes – .

Marchamos cara ao hotel, o venres era un día duro, o Louvre abriría das 9 da mañá ás 21:45 da noite e ben…todas esas horas só dan para ver unha mínima parte…

Esa mínima parte que escollimos e que afortunadamente deunos tempo a ver nese tempo foi gran parte de Exipto, escultura grega e romana, pintura holandesa, pintura francesa e pintura italiana e depois algunhas obras que non podiamos deixar de ver, aínda que non estiveran nese percorrido…Porén aínda tivemos un pedaciño de tempo para ver algo de Próximo Oriente antes de marchar xa esgotados e cos ollos bébedos de tanta fermosura…

A Nike de Samotracia, os escravos de Miguel Anxo, a Venus de Milo, A Barca da Medusa, A liberdade guiando ao pobo, A Virxe da Rocas…tanto, tanto e tanto, eu cría estar nun soño…Pero para min sen dúbida o máis emocionante do día foi ver a Encaixeira de Vermeer, ao meu querido pintor…Desta vez igual que acontecera na National Gallery de London só contaba cunha pintura do mestre de Delft no museo, pero ao carón desa xoia estaba O astrónomo; dobre emoción á que me levou o Breogán cos ollos pechados…(Meu Deus cando irei a Delft?).

O día seguinte tocaba Versalles. Se hei de lembrar un día pouco afortunado desta viaxe é este. Unha calor infernal e inzado de xente como era de agardar; pasabamos de sala en sala arrastrados pola marea humana, sen tempo para apreciar o que estabamos a ver. Porén desilusinoume, agardaba ver os espazos vestidos como estarían na época, e agás algún dormitorio, o resto eran fermosas salas con cadros colgando que non daban moito lugar á imaxinación.

O que sen dúbida valeu a pena foron os impresionantes xardíns coas súas espectaculares fontes e tamén o Gran Trianón. Hei de dicir que non vimos todo o lugar pola miña culpa, a calor e o cansazo fixeron estragos en min ese día…

E como despois da tempestade vén a calma dicir que o día seguinte – domingo- , sería sen dúbida do que mellor recordo gardamos en París.

CONTINUARÁ…

Pisamos París o día 1 de agosto, un mércores pola noite. Chegamos a Santiago o día 8 de agosto, mércores pola noite tamén. Polo medio museos, igrexas, santas capelas, sagrados corazóns, pazos, rúas, gárgolas, moita calor e moita chuvia…e tamén moi pouco café.

Moito que contar, pero non o que me gustaría contar en realidade. As dúas veces que fumos a Londres cando chegamos a Santiago viñamos cargados de morriña, de ganas de volver, xa estando alí sentía nostalxía de pensar que en poucos días deixaría de pisar as súas rúas. Sentíndoo moito, non podo dicir o mesmo de París.

Gostei do que fun ver, pero non gostei do ambiente da cidade, da súa alma…Londres pareceume cálida e acolledora. París pareceume fría e elitista: prezos inalcanzábeis, cafés con mesas pegadas unhas a carón das outras, aproveitando o mínimo espazo, xentes con pouca intención de poñerche as cousas doadas cando che querías facer entender, aínda que te dirixiras a eles chapurreando francés… Esta é a de cal.

Porque lembrarei París? Por todo o demais, polos seus fantásticos museos, igrexas e catedrais, pola Île de la Cité, polos paseos polo Marais, por Montmartre e algunhas cousas máis, pero vaiamos por partes…

A primeira noite nada máis chegar á minihabitación de hotel, que non facía honra ao seu nome, deixamos as maletas e saimos a dar un paseo polos Grandes Boulevards, tras unha cena na Pizzería Rina…


Recollímonos cedo, ao día tocaba patear o Museo D’Orsay

CONTINUARÁ … (só nun par de post máis, non vos asustedes, isto era só unha pequena introdución)

Os tempos son chegados…

Estando no Museo de Historia Medieval de París chegoulle a Breogán unha mensaxe longamente agardada. As Crónicas de Gáidil presentaranse nas Viñetas do Atlántico o vindeiro mércores 15 de agosto ás 18.15, concretamente no Kiosko Alfonso.

Xa sabedes que estades todos convidados e os autores agradecidos de que alí esteades…

Sen ánimo de destripar contos, aí vai outras das ilustracións do libro realizadas por Víctor Rivas…para abrir boca.

12-08-07: As Crónicas de Gáidil en Galicia Hoxe (Edición impresa e web).

En breve darei conta das Crónicas de París…


Ben, hoxe o Breogán e máis eu durmiremos en París…e así até o 8 de agosto.

Lémonos á volta.

Bicazos para todos e todas…