Seica terei que romper o maleficio que arrastra este blog baldeiro desde hai un mes. Os últimos días en París…Nós non poderemos dicir ‘Sempre nos quedará París‘, pero si que podemos dicir que alí estivemos, co bo e co menos bo que tivo esa viaxe…
O Xeógrafo e mais eu xa andamos á busca dun novo, ou dun vello destino, quizais un pequeno desafogo antes do vrao.
Pero vaia entón este terceiro capítulo que fechará o verán e abrirá a tempada do outono.

Entrada na Île de la Cité
Este cuarto día foi un dos máis fermosos da nosa viaxe. Tiñamos planificada a visita ao Museo Nacional de Historia Medieval e despois ía a ser un día de paseo pola Île de la Cité, Sorbonne, Barrio Latino e Marais, pero o día foi algo distinto. O Museo é xeitoso mais bastante pequeno, e en dúas horas estabamos fóra, tras ver parte do mastodóntico Louvre e o D’Orsay, contabamos con que nos levara máis tempo. Así que decidimos adiantar a visita á Conciergerie e a Saint Chapelle, e despois continuar co día que tiñamos pensado.
O museo foi interesante, sobre todo o edificio, moi próximo a unhas termas romanas, a súa peza estrela, e non sen motivo é o un conxunto de 6 tapices coñecido por La Dame a la licorne do século XV.
Nunha das salas do museo, xustamente ante unha representación de Cernunos recibimos unha mensaxe de Amra o león: “Presentación oficial de As Crónicas de Gáidil en A Coruña, o mércores 15 de agosto ás 18:15 nas Viñetas desde o Atlántico”.

O Breogán ante Cernunos, un dos seres mitolóxicos que aparecen en As Crónicas de Gáidil
Cando saímos nos achegamos ata a Conciergerie, pazo e prisión onde pasaron os seus derradeiros días históricos personaxes como Robespierre e María Antonieta, fermoso e inquedante á vez.

Este grande salón é o pabellón onde os soldados se xuntaban para comer e cear
Xunto a este edificio, que á súa vez está dentro do Pazo de Xustiza, está a fermosísima Saint Chapelle, da que non puidemos gozar na súa plenitude, xa que o altar maior estaba a ser restaurado, con todo é moi fermosa. Mágoa que na planta baixa estea chea de postos de souvenirs, que lle restan bastante encanto.

Interior da Saint Chapelle
Ao saires marchamos a comer os nosos bocatas a un parque próximo ás termas de Cluny, tomamos un café no Starbucks - lembrando os nosos cafés londinenses - e paseamos pola Sorbonne, o Pantheon e as Arenas de Lutecia, reconvertidas nun parque ao que van os rapaces a xogar ao fútbol…que non deixa de ser outro espectáculo.
Paseando polo Barrio Latino (Quartier Latin) atopamos un pafeto no que nos tomamos un par de cañitas cada un, as que máis nos prestaron da viaxe e que quedaron inmortalizadas na última foto do post anterior.

Despois dun duro día de traballo… un par de cañitas!
Era domingo e de paseo e vimos algunha tenda de rol da que dariamos conta ao día seguinte, xa que tiñamos que voltar á zona para ver Notre Dame…A imaxe que sigue é dese atardecer de soleado domingo, o día seguinte non sería igual…

Setembro 14th, 2007 at 11:32 pm
Sen dúbida o mellor día de todos os da viaxe.
Bicos!