Como traballo nesto da documentación, e aspiro algunha vez na miña vida a currar nunha biblioteca – ando a preparar as opos – pois levo bastante tempo subscrita a unha lista de correo/foro para profesionais da Biblioteconomía e a Documentación.

Hoxe mandaron á lista a seguinte nova Prohibido dar el pecho.

Dyptique melun de Jean Fouquet

Dyptique melun, no Real Museo de Belas Artes de Amberes.

Jean Fouquet. Tours, 1416-1480.

En resumo, unha muller cun pequeno de tres anos e unha nena de peito, veuse na obriga de sair da sala de contacontos na que estaba co seu fillo de tres anos para darlle o peito á súa pequena no medio dun corredor…Impresionante! A explicación que lle deron, sempre en palabras desta muller, foi que os actores do contacontos podían sentirse agredidos pola súa falta de respeto.

É incrible que a estas alturas alguén se escandalice porque unha muller lle dea de mamar ao seu pequeno ou pequena en público. A min o que me gustaría saber é con que ollos mira a xente…

Xa está aquí, xa chega, para a semaniña… Unha nova edición de Cineuropa. Malia que para min representa traballo, desde hai tres anos, ben podo dicir que é un dos traballos que con máis pracer fago, porque é un pracer compartir ese traballo con quen o comparto.

Fun por vez primeira a Cineuropa no ano 92, cando cheguei a estudar a Compostela, unha Filoloxía Alemana, que mudaría por Historia ao ano seguinte. Se ben non adoitaba ir aos filmes cada día, era fiel á maratón: vida de estudante. Agora é á inversa, vou as sesións diarias, pero o meu corpo xa non aguanta o fin de festa da maratón.

Aquí pódese ver un pequeno adianto do que vai ser este ano…

Edward Hopper, 1882 – 1967
First Row Orchestra, (1951) . Óleo sobre lenzo (79.0 x 101.9 cm.)
Había ben tempo que non aparecía Hopper por aquí…

Ás veces os soños fanse realidade. E estes días teño a sorte de ver un, e de ter ao meu carón a un dos seus autores, ao meu Breogán –Xeógrafo cando comecei este blog, hai por estas datas dous anos – . Tras moita loita, esforzo e demoras, desde onte está nas librarías As Crónicas de Gáidil…

Amra e Breogán traballaron moi duro durante tempo para ver publicado este traballo, un mundo ao que Rivas lle puxo cara e paisaxes ( e moito máis), e que desde agora estará nas mans dos xogadores…Pero as Crónicas de Gáidil teñen o seu espazo, así que a elas vos remito…Gozádeas !!!!!

Arredor das 21.15 aparecían no escenario da Sala Brage do Auditorio de Galicia os músicos que acompañarían a Santiago Auserón arredor de dúas horas dun impresionante concerto no que puidemos escoitar: El Joraique, Obstinado en mi error, El canto del gallo, El tonto Simón, La rueda, Annabel Lee, La charla del pescado, Semilla negra, A un perro flaco, La negra flor, A cara o cruz, No más lágrimas, Veneno en la piel, La misteriosa…seguro que esquezo algunha, pero son todas as que están.

Acudín ao concerto acompañada por Breogán e Moralla, con algo de retraso chegarían P. e A., e aínda que estaban unhas filas máis atrás, xa quedaramos para despois do concerto xantar algo, tomar unhas cervexas e comentar a xogada.

Moralla sentou en primeira fila, a carón dos Pelachos e Martin Pawley -sen coñecerse-, ao final do concerto chegarían as presentacións e un breve intercambio das nosas máis que favorables impresións.

O Breogán e máis eu sentamos moi centrados na fila 4… excelente perspectiva durante todo o concerto!!!

Ata aquí a descrición pura e dura dos feitos, o demais foi todo emoción…

Non é a primeira vez que vexo a Santiago Auserón en concerto, pero si que podo dicir que para min foi a mellor. A única tacha que lle fago ao concerto: ter que estar sentados…iso para min é unha perdición. Pero quitamos á espiña ao final do concerto, cando todo o Auditorio en pé cantou La negra flor…o chan tremía baixo os nosos pés.

Tras un prólogo musical da Original jazz Orquestra do Taller de Musics de Barcelona entrou Juan Perro e comezamos a escoitar El Joraique – un dos temas de Mr. Hambre – ; despois Obstinado en mi error e coa terceira xa comezou o delirio, El canto del gallo púxolle o ritmo forte á noite, e a partires de aí todo comezou a crecer…Ás marabillosas adaptacións de OJO e a voz inconfundible de Auserón, que afortunadamente non muda ao longo do tempo, fixeron que todos os que estabamos alí batiramos palmas a rabiar…Coa terceira canción xa tiña as mans fervendo…

Non poido decir de cal gostei máis, porque é dificil escoller, pero me impresionou e emocionou moitísimo La rueda – escenario case a oscuras, voz e piano sós-…e por suposto Annabel Lee – ateigada de aplausos en varios momentos da interpretación -, sen esquecer Semilla Negra, cuns sorprendentes coros.
O final foi apoteósico, non os queriamos deixar marchar, batiamos o chan cos pés , aplaudiamos sen parar e entón chegou La negra flor -de novo- pero desta vez non só cantaron eles, abaixo berrabamos/cantabamos como tolos, este mítico “himno” de Radio Futura.

Podería falar aquí ata pasado mañá e seguro que deixaría cousas por dicir…Crecín con La Bola de Cristal e Radio Futura, lembro exactamente o primeiro día que vin a Santiago Auserón pola televisión sendo unha cativiña, el levaba un smoking de cor prata…e desde entón e tamén grazas á miña irmá, algo maior ca min, non puiden deixar de escoitalos…

Vinte e tantos despois continúo a escoitalo, penso que Santiago Auserón / Juan Perro foi, é e será un músico, un investigador, sempre con proxectos novos, diferentes e interesantes.

Agardo que sexades benevolentes e saibades desculpar este ataque de fanatismo musical adolescente…