Máis dun mes sen pasar por aquí…Buff! Non sei por onde comezar…

Onte chegamos de London a Compostela tras unha estancia de tres días, pasamos por Fleet Street tal e como comentaba no post anterior, pero non hai rastro do barbeiro diabólico, aínda que si dalgunha barber shop.

Desta vez, que xa é a terceira, a idea era a de pasear, tomar pintas onde nos prestara, revisitar os sitios preferidos da cidade e ver algo novo, ademais de visitar a dous amigos, que nunca están na cidade cando viaxamos no mes de agosto…E todo cumpriuse.

Os que por aquí pasades xa sabedes da miña paixón por esta cidade, e a viaxe nesta ocasión era especial, xa que foi realizada durante os días de permiso con motivo do noso casamento, que aconteceu o 15 de marzo en Compostela (como din na prensa rosa, na máis estrita intimidade), só estabamos os futuros esposos e os padriños, e os fillos do padriño, que non tiña con quen deixar aos pequenos esa mañá… E despois da voda, ás 10 da mañá, ás oposicións ás 12 – que por certo non pasei – e despois tarde de xantar e de cañas e conversa coa madriña…As comunicacións ás familias chegarían ao día seguinte, que quedaron algo decepcionadas xa que o que realmente agardaban era outra cousa

Como ía contando a viaxe á London foi tal e como agardabamos, aínda que moi pasada por auga e cun frío do demo…Unha das cousas que máis me sorprendeu da viaxe, foi o pouco frío que teñen as inglesas, que andan a 3 grados polas rúa, con sandalias, minisaia e sen medias!!!! Incrible, eu non levaba a manta da cama porque non podía…e elas como di a miña nai ‘a cuerpito gentil’…Despois me diría S., ferrolana e británica de adopción, que as únicas que andan con roupa de abrigo no inverno son as españolas, italianas e sudamericanas…e as galegas, of course.

Desta vez, o tempo non invitaba a comer na rúa, e os xantares os fixemos de pubs (Friend at Hand -cerca de Russel Square-, Shakespeare’s Head – Carnaby -) e as ceas no hotel, coa comidiña mercada no Tesco de Trafalgar Square. Descubrimos grazas a S. e T. un par de sitios fenomenais e moi ben de prezo para xantar na cidade, e moi recomedábeis, Wagamama (é unha cadea, ceamos no de Covent Garden) e Nando’s (hai 27, nós xantamos no do South Wark).

Visitamos de novo Trafalgar, o British, a National Gallery, onde descubrín un pintor para engadir á miña lista de favoritos, do que aínda teño que investigar algo e do que vimos este cadro, e a Tate Modern, onde había unha interesante exposición do surrealismo e onde estaba o segundo cadro de Klimt que puiden ver na miña vida: Portrait of Hermine Gallia.

Visitamos a Torre de Londres por vez primeira, e aínda que é moi cara a entrada, a visita vale a pena, arredor de catro horas dentro do lugar vendo aos enormes ravens alimentados polos beefeaters e coñecendo un pouco o que aconteceu dentro destes muros. Os beefeaters guiábanche pola Torre contando as historias máis sanguinolentas, mais o meu inglés é moi limitado e o Breogán tiña que estar a traducir a meirande parte da parrafada, co cal decidimos ir pola nosa conta seguindo a guía mercada na tenda da Torre.

Mais se houbo algo do que realmente gostei nesta visita foi coa descuberta, camiño da Tate o derradeiro día do Borough Market (South Wark)…Impresionante, un mercado de comida, cuns postos impresionantes, con alimentos comúns, pero con outros moi exóticos, é unha visita moi recomendábel…iso si, ide con fame para probar de todo, eu acababa de meterme ao corpo un full english breakfast no hotel, moi, moi pequeniño pero recomendábel por xeitoso e céntrico – ao lado mesmo da estación de King Cross, e non era quen de probar nin un petisco…

Falando de mercados, tamén fomos a Portobello, Notting Hill é precioso, pero como mercadiño de roupa gustounos bastante máis Candem, ademais a mañá que visitamos o mercado foi pasada por auga e non prestaba moito pararse a ver os postos…

Seguiría falando días e días, dunha viaxe que só durou catro, pero non vos quero cansar, seguro que atoparei calquera excusa para contar máis cousas noutro momento…


Novembro, Compostela, Cineuropa…para min é un dos tríos máis interesantes do ano… Nunca vou tanto como quixera, obviamente o feito de non ser estudante dificulta un pouco o tema.

Polo momento fun ver catro, e isto está a piques de rematar, así que esta semana que entra terei que darlle duro para chegar a gastar o bono.

Case sempre que vou escoito a alguén protestando, e non hai nada que máis rabia me dea…Entendo que este festival, mostra ou como queiran chamarlle ten moito que mellorar, pero tamén que é unha oportunidade única para ver un cine que non podes ver o resto do ano. Creo que hai xente que non se decata de que Compostela non é Madrid o Barcelona, e que os lugares para proxectar están bastante limitados. Crítica, si…pero construtiva, por favor…Que aquí o deporte nacional e tirar por terra o traballo dos demais.

Fun ver polo momento: Michael Clayton, Irina Palm, A vida interior de Martin Frost e A moza cortada en dúas.

Imaxino que haberá por aí quen as comente moito millor ca min, eu só aspiro a dar a miña opinión persoal.

Destas catro para min a mellor sen dúbida foi Irina Palm: crúa, tenra e con final feliz, que nos días que corren hoxe é algo estraño, de verdade que xa estou un pouco cansa de películas que acaban mal…Este filme coproducido por cinco países, dirixido polo alemán Sam Gabarski, e protagonizado por Marianne Faithfull e Miki Manojlovic, a historia dunha loitadora que polos medios máis insospeitados acaba atopando algo que non buscaba, a súa liberdade: non ten perda unha das escenas contra o final do filme, no que está tomando o té coas amigas, falándolles do seu novo traballo…

Michael Clayton, pareceume entretido, un thriller ‘ecoloxista’ ben coidado, feito con cartos abondos como para que estivese ben coidado, e cuns excelentes protagonistas: un cada día máis estupendo – en todos os sentidos – George Clooney, Tom Wilkinson, Tilda Swinton e Sidney Pollack.

A vida interior de Martin Frost de Paul Auster – da que son incondicional – resultoume tremendamente decepcionante…En todos os seus aspectos, ata David Thewlis resultaba de todo incríbel, parecía que os actores paseaban pola pantalla sen ter moi claro o que desexaban facer… Un guión pouco enfiado, un final feito como a correr, unhas insercións de imaxes que non viñan moi a conto, en fin, non sei…Se alguén máis a veu e me pode dar a súa opinión, e que me deixou certamente desconcertada…

A última polo momento, que non a derraira – xa que en vinte minutiños saio a ver a de Ken Loach – foi A m oza cortada en dúas de Claude Chabrol, pareceume espectacular, tremendamente divertida e diferente: unha dura crítica á burguesía decadente e intelectualoide francesa . Non controlo moito de cinema francés, así que case todos os actores do filme eran descoñecidos para min, con todo, quen máis me gustou do filme con diferencia foi Benoît Magimel que daba vida ao diletante Paul, o rico herdeiro co que casa a protagonista desta traxicomedia…

E isto é todo…polo momento.

… máis dous que fan por un: son oito en total, non é?
1. Madrugada do 20 ao 21 de xuño do 1999…Desde hai máis de oito anos, moito que celebrar…Xuntos.

Finais do ano 99 nos Concheiros, ou Tal como éramos

2. Gatos: o meu animal adorado. Estar deitada no sofá, agochadiña baixo unha manta con Merry e Pippin é un dos grandes praceres que a vida ten para min, e é tan próximo!!!!!!

Figuriña gatuna exipcia: Museo do Louvre, agosto de 2007

3. Teatro: paixón deixada de lado por actividades máis prosaicas. O tempo pasa, e xa hai moito que non sinto a emoción de pisar unhas táboas – aínda que sexan pequeniñas – . Meu pai, miña nai e miña irmá continúan no tallo; eu agora interpreto, con maior ou menor fortuna, arredor dunha mesa…

Roberto Zucco de Koltés con Bartoleta Teatro

4. Pintura: Non son quen de trazar unha liña con xeito. Non me chega unha vida para coñecer todo o que desexaría dos pintores que amo, para ver os seus cadros, e sinto mágoa dos que nunca verei…É unha fame eterna esta da cor: Vermeer, Klimt, Lempicka, Courbet, Da Vinci, Magritte, Miguel Anxo, Velázquez, Goya, De Hooch, Schiele, Caravaggio, Arcimboldo, HopperVERMEER!

O meu favorito do mundo mundial, o meu Soño de Delft

5. Viaxar…De momento pouco, non todo o que eu quixera cando menos. Lugar ao que volvería polo menos unha vez ao ano: Londres (aí coincido co Breogán).

Vista de London, tomada no 2005

6. San Cristovo en Ferrol: lembranzas, tranquilidade, familia, amigos, verán, sonecadas debaixo dun tilo…

Imaxe de San Cristoviño

7. Ler: novela sobre todo, desde nena, debaixo das mantas con pouca luz, tarde…Agora a pouquiños, polas noites…Neste momento, o último de Harry Potter.

Portada británica do derradeiro da saga

8. Cervexa, e o que a arrodea: amigos e amigas, risas, pinchiños e sair á rúa…

Birriñas nun pafeto do Quartier Latine en París

As listas son inxustas sempre…

Xa está aquí, xa chega, para a semaniña… Unha nova edición de Cineuropa. Malia que para min representa traballo, desde hai tres anos, ben podo dicir que é un dos traballos que con máis pracer fago, porque é un pracer compartir ese traballo con quen o comparto.

Fun por vez primeira a Cineuropa no ano 92, cando cheguei a estudar a Compostela, unha Filoloxía Alemana, que mudaría por Historia ao ano seguinte. Se ben non adoitaba ir aos filmes cada día, era fiel á maratón: vida de estudante. Agora é á inversa, vou as sesións diarias, pero o meu corpo xa non aguanta o fin de festa da maratón.

Aquí pódese ver un pequeno adianto do que vai ser este ano…

Edward Hopper, 1882 – 1967
First Row Orchestra, (1951) . Óleo sobre lenzo (79.0 x 101.9 cm.)
Había ben tempo que non aparecía Hopper por aquí…

Arredor das 21.15 aparecían no escenario da Sala Brage do Auditorio de Galicia os músicos que acompañarían a Santiago Auserón arredor de dúas horas dun impresionante concerto no que puidemos escoitar: El Joraique, Obstinado en mi error, El canto del gallo, El tonto Simón, La rueda, Annabel Lee, La charla del pescado, Semilla negra, A un perro flaco, La negra flor, A cara o cruz, No más lágrimas, Veneno en la piel, La misteriosa…seguro que esquezo algunha, pero son todas as que están.

Acudín ao concerto acompañada por Breogán e Moralla, con algo de retraso chegarían P. e A., e aínda que estaban unhas filas máis atrás, xa quedaramos para despois do concerto xantar algo, tomar unhas cervexas e comentar a xogada.

Moralla sentou en primeira fila, a carón dos Pelachos e Martin Pawley -sen coñecerse-, ao final do concerto chegarían as presentacións e un breve intercambio das nosas máis que favorables impresións.

O Breogán e máis eu sentamos moi centrados na fila 4… excelente perspectiva durante todo o concerto!!!

Ata aquí a descrición pura e dura dos feitos, o demais foi todo emoción…

Non é a primeira vez que vexo a Santiago Auserón en concerto, pero si que podo dicir que para min foi a mellor. A única tacha que lle fago ao concerto: ter que estar sentados…iso para min é unha perdición. Pero quitamos á espiña ao final do concerto, cando todo o Auditorio en pé cantou La negra flor…o chan tremía baixo os nosos pés.

Tras un prólogo musical da Original jazz Orquestra do Taller de Musics de Barcelona entrou Juan Perro e comezamos a escoitar El Joraique – un dos temas de Mr. Hambre – ; despois Obstinado en mi error e coa terceira xa comezou o delirio, El canto del gallo púxolle o ritmo forte á noite, e a partires de aí todo comezou a crecer…Ás marabillosas adaptacións de OJO e a voz inconfundible de Auserón, que afortunadamente non muda ao longo do tempo, fixeron que todos os que estabamos alí batiramos palmas a rabiar…Coa terceira canción xa tiña as mans fervendo…

Non poido decir de cal gostei máis, porque é dificil escoller, pero me impresionou e emocionou moitísimo La rueda – escenario case a oscuras, voz e piano sós-…e por suposto Annabel Lee – ateigada de aplausos en varios momentos da interpretación -, sen esquecer Semilla Negra, cuns sorprendentes coros.
O final foi apoteósico, non os queriamos deixar marchar, batiamos o chan cos pés , aplaudiamos sen parar e entón chegou La negra flor -de novo- pero desta vez non só cantaron eles, abaixo berrabamos/cantabamos como tolos, este mítico “himno” de Radio Futura.

Podería falar aquí ata pasado mañá e seguro que deixaría cousas por dicir…Crecín con La Bola de Cristal e Radio Futura, lembro exactamente o primeiro día que vin a Santiago Auserón pola televisión sendo unha cativiña, el levaba un smoking de cor prata…e desde entón e tamén grazas á miña irmá, algo maior ca min, non puiden deixar de escoitalos…

Vinte e tantos despois continúo a escoitalo, penso que Santiago Auserón / Juan Perro foi, é e será un músico, un investigador, sempre con proxectos novos, diferentes e interesantes.

Agardo que sexades benevolentes e saibades desculpar este ataque de fanatismo musical adolescente…

Derradeiro despertar en París, tras tomar le petit dejeneur, que lle din os franceses, baixamos as maletas a pulso desde un sétimo piso, xa que o único ascensor que había estaba averiado, e deixámolas na consigna. Por suposto non se desculparon polo feito de ter o ascensor estropeado, e nin se ofreceron a botar unha man…para que!

Marchamos ao Museo Rodin, ubicado nun fermoso pazo, onde o traballo do xenial artista se pode contemplar no interior e tamén nos xardíns que rodean o edificio; conta cunha sala na que se poden ver tamén pezas de Camile Claudel.

Tivemos a sorte de poder gozar dunha exposición temporal dedicada a colección de arte xaponés do escultor, con pezas realizadas por el e outras que foron agasallos de artistas nipóns. Alí foi onde merquei o único agasallo que me fixen, unha axenda cunha ilustración dunha muller xaponesa – por certo este ano agardo comezar a tomar clases de xaponés, pero xa vos contarei-.

‘O bico’ ao fondo

Saimos do museo cando caían chuzos de punta, tomamos dous cafés con leite no primeiro bar que atopamos, e onde nos cobraron 9 euros. A auga, a mala uva e o cansazo andaban xa a facer estragos, así que decidimos xantar nun café, xa que co que caía non poderiamos comer os bocatas nun parque, e marchamos a recoller as maletas para marchar cara ao Charles De Gaulle.

Con algo máis dunha hora de retraso subimos ao avión cara a Compostela

A iso da 1 da noite chegamos a Santiago, onde nos agardaban dous Anxos, un deles de 7 anos, que fixo o esforzo de vir buscar ao seu padriño para decirlle que xa rematara o primero libro de Usagi e que quería máis.

Na casa agardaban Merry e Pippin, non sei canto nos botarían en falta eles, pero eu non deixei de pensar neles nin un só día…

Aquí remata pois esta crónica…Para o ano máis… e agardo que millor.


Comeza o derradeiro día en París. A día seguinte, tras ver o Museo Rodin partiriamos de novo a Compostela, pero vaiamos por partes.

Chegamos a Père Lachaisse, o cemiterio máis vistado do mundo, en metro. Se alguén se pregunta se todavía seguen a soterrar xente por alí, diría que si, a xulgar pola avenida chea de pompas fúnebres que hai fronte a unha das entradas do cemiterio.

Como ben di o Breogán é un sitio espantosamente fermoso, e eu non o podería describir mellor. Un enorme espazo, cheo de tumbas e panteóns, onde repousa xente desde comezos do século XIX. Tumbas enormemente descoidadas, de xente á que ninguén lembra xa, xúntanse con outras fermosas, con flores e agasallos para os defuntos, ilustres ou non.

Ademais das tumbas, hai unha zona chamada o columbario que acollen as cinzas de  milleiros de mortos, con esquelas moi peculiares…

 Cinzas dun membro do Partido Comunista Francés

Moliere, Delacroix, Édith Piaf, Wilde, Gericault, Chopin, Signoret, Yves Montand…e unha longa lista de persoeiros durmen neste fermoso e impresionante cemiterio, un dos lugares dos que máis gostei na cidade, e aínda que resulte paradóxico gozamos dunha fabulosa e gratificante comida baixo unhas árbores a carón dos restos de Jacques Louis David.

A verdade resultoume difícil escoller as imaxes para ilustrar esta visita, pero aí vai unha das miñas favoritas…

Raíces

Na tarde camiñariamos cara Mont Martre para ver o Sacre Coeur e tamén unha das máis fermosas vistas de París. Sei que agosto é un mal mes para viaxar, pero é o que temos…

Vista do Sacre Coeur

Estaba cheo de xente, cheo, cheo, cheo…Pasear polas rúas era bastante complexo; con todo podo dicir que sería unha das partes polas pasearía de novo se algunha vez volvo a París, pero a poder ser, noutras datas…

 Cidade da Luz vista desde os tellados do Sacre Coeur

Tras tomar unha deliciosa cea Capuchine Gourmand, situado no  Pigalle e atendidos polo camareiro máis amable e divertido que nos atopamos en todo París, regresamos  ao hotel, había que preparar as maletas, e prepararse para madrugar para ver o Museo Rodin.

No quinto día, no que caeron chuzos de punta, tocaba Notre Dame, tras facer unha cola de media hora baixo a chuvia conseguimos entrar para ver en primeiro lugar os tellados e as fermosísimas gárgolas que coroan a catedral, unha vez arriba agradecín moitísimo as barandas de seguridade, se non as houber dubido moito que chegara a subir…

Despois entramos na Catedral, infestada de turistas coma nós…Como visitar a catedral en Compostela no mes de agosto, pero é ben fermosa desde logo, aínda que estaban dando misa nese momento e non puidemos pasear pola nave central…

Chuzos de punta

Despois descansamos un pouco tomando un café de novo no Starbucks do día anterior e escribindo as postais e tomando notas nunha Molesquine que mercamos para deixar constancia das nosas viaxes, e da que estou tirando agora, para non esquecer nada importante…

Palabras…

Tras comer nun parque baixo un ceo que amenazaba tormente, pero que foi clemente, andivemos de paseo, paramos nun par de tendas de rol, unha delas chamada Descartes, na que o Xeógrafo mercou un par de expansións do Arkham Horror, e eu un fermoso xogo de dados, e outra chamada Album, con grande variedade de cómics, onde mercamos os agasallos para os catro sobriños.

Se Descartes levantara a cabeza!
Durante o paseo, dirximonos a ver unha das casas máis antigas que se conservan en París, e cal sería a nosa sorpresa ao chegar, era a casa de Nicolas Flamel, o creador da pedra filosofal segundo contan os libros do noso prezado Harry Potter, agora reconvertida en albergue…

Diante da casa de Flamel

Seica terei que romper o maleficio que arrastra este blog baldeiro desde hai un mes. Os últimos días en París…Nós non poderemos dicir ‘Sempre nos quedará París‘, pero si que podemos dicir que alí estivemos, co bo e co menos bo que tivo esa viaxe…

O Xeógrafo e mais eu xa andamos á busca dun novo, ou dun vello destino, quizais un pequeno desafogo antes do vrao.

Pero vaia entón este terceiro capítulo que fechará o verán e abrirá a tempada do outono.

Entrada na Île de la Cité

Este cuarto día foi un dos máis fermosos da nosa viaxe. Tiñamos planificada a visita ao Museo Nacional de Historia Medieval e despois ía a ser un día de paseo pola Île de la Cité, Sorbonne, Barrio Latino e Marais, pero o día foi algo distinto. O Museo é xeitoso mais bastante pequeno, e en dúas horas estabamos fóra, tras ver parte do mastodóntico Louvre e o D’Orsay, contabamos con que nos levara máis tempo. Así que decidimos adiantar a visita á Conciergerie e a Saint Chapelle, e despois continuar co día que tiñamos pensado.

O museo foi interesante, sobre todo o edificio, moi próximo a unhas termas romanas, a súa peza estrela, e non sen motivo é o un conxunto de 6 tapices coñecido por La Dame a la licorne do século XV.

Nunha das salas do museo, xustamente ante unha representación de Cernunos recibimos unha mensaxe de Amra o león: “Presentación oficial de As Crónicas de Gáidil en A Coruña, o mércores 15 de agosto ás 18:15 nas Viñetas desde o Atlántico”.

O Breogán ante Cernunos, un dos seres mitolóxicos que aparecen en As Crónicas de Gáidil

Cando saímos nos achegamos ata a Conciergerie, pazo e prisión onde pasaron os seus derradeiros días históricos personaxes como Robespierre e María Antonieta, fermoso e inquedante á vez.

Este grande salón é o pabellón onde os soldados se xuntaban para comer e cear

Xunto a este edificio, que á súa vez está dentro do Pazo de Xustiza, está a fermosísima Saint Chapelle, da que non puidemos gozar na súa plenitude, xa que o altar maior estaba a ser restaurado, con todo é moi fermosa. Mágoa que na planta baixa estea chea de postos de souvenirs, que lle restan bastante encanto.

Interior da Saint Chapelle

Ao saires marchamos a comer os nosos bocatas a un parque próximo ás termas de Cluny, tomamos un café no Starbucks – lembrando os nosos cafés londinenses – e paseamos pola Sorbonne, o Pantheon e as Arenas de Lutecia, reconvertidas nun parque ao que van os rapaces a xogar ao fútbol…que non deixa de ser outro espectáculo.

Paseando polo Barrio Latino (Quartier Latin) atopamos un pafeto no que nos tomamos un par de cañitas cada un, as que máis nos prestaron da viaxe e que quedaron inmortalizadas na última foto do post anterior.

Despois dun duro día de traballo… un par de cañitas!

Era domingo e de paseo e vimos algunha tenda de rol da que dariamos conta ao día seguinte, xa que tiñamos que voltar á zona para ver Notre Dame…A imaxe que sigue é dese atardecer de soleado domingo, o día seguinte non sería igual…

Primeiro día marcado pola pintura, a escultura e uns reloxios que xa non marcan as horas para as saídas do tren en d’Orsay

Non é doado agora lembrar todo o que vimos, aínda que iamos co guión preparado, xa que todo non cabe no saco. Chegamos ao museo atravesando as Tullerías e obtendo a nosa primeira imaxe da Torre e do Obelisco de Luxor na Plaza da Concordia de París.

O que máis gostei de ver, ademais da fermosa estación – que xa é unha obra de arte por si mesma – foron as obras de Courbet, as Portas do Inferno – que veriamos de novo, pero desta vez en bronce no Museo Rodin – e unha fermosa reprodución de Edipo en Colonna.

Ao sair, xa a piques de pechar o museo e con día por diante, tiñamos proxectada unha visita a un dos topicazos turísticos – habería máis – a Torre Eiffel. Tiñamos idea de subir, cando menos ao primeiro piso, mais a marea de xente que alí había fíxonos desistir sen moito desencanto pola nosa parte, sacamos un par de fotiños, miramos os Campos de Marte e marchamos en sentido contrario, para vela desde un lugar máis alto e oposto a estes campos.

Anoiteceu, mercamos cea nun Monoprix, se a memoria non me traizoa, e sentamos a xantar nun banco a carón do Sena, aínda que este non se podía ver pola altura do muro…Un ano atrás quedaban os xantares á beira do Támesis, cos seus bancos altos encaramados ao río, nun dos parques próximos ao Parlamento, o Saint James creo – seguro que o Breogán me correxiría, xa que teño mala memoria para os nomes – .

Marchamos cara ao hotel, o venres era un día duro, o Louvre abriría das 9 da mañá ás 21:45 da noite e ben…todas esas horas só dan para ver unha mínima parte…

Esa mínima parte que escollimos e que afortunadamente deunos tempo a ver nese tempo foi gran parte de Exipto, escultura grega e romana, pintura holandesa, pintura francesa e pintura italiana e depois algunhas obras que non podiamos deixar de ver, aínda que non estiveran nese percorrido…Porén aínda tivemos un pedaciño de tempo para ver algo de Próximo Oriente antes de marchar xa esgotados e cos ollos bébedos de tanta fermosura…

A Nike de Samotracia, os escravos de Miguel Anxo, a Venus de Milo, A Barca da Medusa, A liberdade guiando ao pobo, A Virxe da Rocas…tanto, tanto e tanto, eu cría estar nun soño…Pero para min sen dúbida o máis emocionante do día foi ver a Encaixeira de Vermeer, ao meu querido pintor…Desta vez igual que acontecera na National Gallery de London só contaba cunha pintura do mestre de Delft no museo, pero ao carón desa xoia estaba O astrónomo; dobre emoción á que me levou o Breogán cos ollos pechados…(Meu Deus cando irei a Delft?).

O día seguinte tocaba Versalles. Se hei de lembrar un día pouco afortunado desta viaxe é este. Unha calor infernal e inzado de xente como era de agardar; pasabamos de sala en sala arrastrados pola marea humana, sen tempo para apreciar o que estabamos a ver. Porén desilusinoume, agardaba ver os espazos vestidos como estarían na época, e agás algún dormitorio, o resto eran fermosas salas con cadros colgando que non daban moito lugar á imaxinación.

O que sen dúbida valeu a pena foron os impresionantes xardíns coas súas espectaculares fontes e tamén o Gran Trianón. Hei de dicir que non vimos todo o lugar pola miña culpa, a calor e o cansazo fixeron estragos en min ese día…

E como despois da tempestade vén a calma dicir que o día seguinte – domingo- , sería sen dúbida do que mellor recordo gardamos en París.

CONTINUARÁ…