… máis dous que fan por un: son oito en total, non é?
1. Madrugada do 20 ao 21 de xuño do 1999…Desde hai máis de oito anos, moito que celebrar…Xuntos.

Finais do ano 99 nos Concheiros, ou Tal como éramos

2. Gatos: o meu animal adorado. Estar deitada no sofá, agochadiña baixo unha manta con Merry e Pippin é un dos grandes praceres que a vida ten para min, e é tan próximo!!!!!!

Figuriña gatuna exipcia: Museo do Louvre, agosto de 2007

3. Teatro: paixón deixada de lado por actividades máis prosaicas. O tempo pasa, e xa hai moito que non sinto a emoción de pisar unhas táboas – aínda que sexan pequeniñas – . Meu pai, miña nai e miña irmá continúan no tallo; eu agora interpreto, con maior ou menor fortuna, arredor dunha mesa…

Roberto Zucco de Koltés con Bartoleta Teatro

4. Pintura: Non son quen de trazar unha liña con xeito. Non me chega unha vida para coñecer todo o que desexaría dos pintores que amo, para ver os seus cadros, e sinto mágoa dos que nunca verei…É unha fame eterna esta da cor: Vermeer, Klimt, Lempicka, Courbet, Da Vinci, Magritte, Miguel Anxo, Velázquez, Goya, De Hooch, Schiele, Caravaggio, Arcimboldo, HopperVERMEER!

O meu favorito do mundo mundial, o meu Soño de Delft

5. Viaxar…De momento pouco, non todo o que eu quixera cando menos. Lugar ao que volvería polo menos unha vez ao ano: Londres (aí coincido co Breogán).

Vista de London, tomada no 2005

6. San Cristovo en Ferrol: lembranzas, tranquilidade, familia, amigos, verán, sonecadas debaixo dun tilo…

Imaxe de San Cristoviño

7. Ler: novela sobre todo, desde nena, debaixo das mantas con pouca luz, tarde…Agora a pouquiños, polas noites…Neste momento, o último de Harry Potter.

Portada británica do derradeiro da saga

8. Cervexa, e o que a arrodea: amigos e amigas, risas, pinchiños e sair á rúa…

Birriñas nun pafeto do Quartier Latine en París

As listas son inxustas sempre…

Os tempos son chegados…

Estando no Museo de Historia Medieval de París chegoulle a Breogán unha mensaxe longamente agardada. As Crónicas de Gáidil presentaranse nas Viñetas do Atlántico o vindeiro mércores 15 de agosto ás 18.15, concretamente no Kiosko Alfonso.

Xa sabedes que estades todos convidados e os autores agradecidos de que alí esteades…

Sen ánimo de destripar contos, aí vai outras das ilustracións do libro realizadas por Víctor Rivas…para abrir boca.

12-08-07: As Crónicas de Gáidil en Galicia Hoxe (Edición impresa e web).

En breve darei conta das Crónicas de París…


Mañá inaugúrase na Chocolataría a exposición de Habana Factory ás 20:00 da tarde, e agardo estar alí para presenciar a derradeira exposición, e digo ben, derradeira de última de todo, de ces’t fini…

Cando comezou hai algo máis dun ano o proxecto da Chocolataría, tiven a oportunidade de entrar por primeira vez nun dos edificios emblemáticos de Compostela, e descubrir a obra de Julian Opi, un artista británico sorprendente, coa que abriu este ‘Espazo de Experimentación e Creación Contemporánea’.

Durante todo ese ano, podo dicir que vin moito do que alí se programou, non todo, e no peor dos casos, nunca me deixou indiferente. Creo que é unha lastima que remate, que ese espazo máxico que foi a fábrica de Chocolates Raposo perda esta función, para a que nunca foi creada.

(Este cadro de Blur puidémolo ver na Tate Britain o pasado agosto)

E aínda que non o pareza, todo esto ten que ver co Rol…e como? A Asociación Casco Vello, tivemos o privilexio de poder desenvolver na Chocolataría os I Encontros de Xogos de Rol e de Estratexia Ludus Stellae durante os días 13 e 14 de outubro. A penúltima actividade/ exposición ou ‘experimentación’ que aconteceu nese espazo, que naceu con data de caducidade, xa que era un proxecto, desgraciadamente temporal.


Dous días para lembrar, de moito traballo e ilusión, pero con moitas compensacións. Ningún de nós, nos nosos mellores soños pensabamos que o recinto fabril quedaría pequeno para xente con tantas ganas de xogar: nenos, maiores, roleros, non roleros, curiosos, escépticos…de todo pasou por alí.

Encantaríame que houbera uns segundos, e uns terceiros…mais non sei se serán nun lugar tan privilexiado como o destes primeiros.

Vaia por diante o noso agradecemento aos bolseiros, traballadores e programadores dese espazo que fixeron que un mundo fantástico fose posíbel.

Se queredes ver como foron, aquí e aquí e aquí tamén.

Só quedan seis días para os Ludus Stellae…estou como unha cafetera…a efervescencia invádeme, a actividade é frenética… Só quero que esto remate e saia ben, e descansar.

Pecharme na casa, deitarme no sofá, quentiña cunha manta e ver dun tirón todos os capítulos que teño de Invasión e non pensar en nada máis…

Isto é o que andamos a montar nós. Quedades convidados!!!

Ben, recén chegada de Monterrei, e aterrizada no traballo e na dura xornada partida, só dicir unha cousa… se tivera que ser un soldado en época medieval morrería coa fame, e máis enfrontándome a un mercenario de Pimentel de case 1.90 m., cun escudo resitente a calquer envite!

Se queredes saber máis, podedes mirar aquí, hai historia e hai imaxes

O mellor da experiencia, ou case o millor: dormir nun castelo, no Castelo de Monterrei.

Xa estou de volta desde hai uns días ao traballo e á rutina da vida diaria, pero aínda queda o peor, xa que a vindeira semana comezo a xornada partida no chollo, moito peor para min que voltar das vacacións.

Con todo están a ser unhas semanas de moito traballo xa que a asociación de rol que estamos a crear vai levar a cabo uns encontros para dentro dun mes na Chocolataría e hai moito chollo por diante, moito que coordinar e moito por facer: organizar a exposición de cartaces, xuntar á xente para facer as partidas, pedir cartos e material, en fin…curre a punta pala.

Pero non todo foi traballo, tamén tivemos tempo de ir a ver a expo da Noiva Cadáver, e xusto ese día estaba na Coru a feira do libro vello e tamén unha de artesanía, e o Xeógrafo aproveitou para mercar en El Baúl de los Recuerdos, unha chea de libros de rol de superofertón. Gostei moito da exposición, pequeniña pero con xeito, aínda que botei a faltar a figuriña de Víctor.

Continuando co cinema, estes días tiven a mala sorte de ver Alatriste. Aínda que non leín os libros de Reverte recoñezo que fun a vela con moita curiosidade, pensando que ía a ser unha boa película, a verdade é que prometía (ao meu entender)…Craso erro!!! Que desfeita!!! Unha trama totalmente deslabazada, sen pés nen cabeza; cortes bruscos nos cambios de escena; incongruencias cronolóxicas (como ben dixo Dpaso no chollo, “se despois de dez anos en Flandes non pasa un ano por eles, cámbiolles o traballo”); música anticlimática e discordante coa acción, porque o son de Semana Santa da batalla final máis que enxalzar a heroicidade dos personaxes daba sono; e que decir das interpretacións… O meu benquerido Aragorn, que ten unha voz tan fermosa cando fala castelán -cun forte acento porteño- parecía que estaba bébedo durante toda a película, Eduardo Noriega moi forzado e as interpretacións femininas deixaron bastante que desexar, ao meu entender; para min os mellores foron os secundarios: Eduard Fernández e Antonio Dechent, que creo que dan unha gran calidade aos traballos que fan, e tamén Javier Cámara no papel de Conde Duque de Olivares.

E tiven a boa sorte de ver A Moza da auga, desta vez ía sen moitas expectativas e pareceume unha película estupenda, un conto de fadas estraño, como case todo que fai Shyamalan, aínda que hei de recoñecer que da que máis gosto deste director segue a ser O protexido; encantoume o protagonista Paul Giamatti ao que descobrín hai pouco grazas a unha recomendación (American Splendor) de Ghanito.


Isto prolóngase de máis, e aínda me quedaría moito por contar, pero hai que deixar para outro día…Ademais o vindeiro fin semana, se ninguén o remedia, convertireime, xunto ao Xeógrafo, nun soldado malfeitor da facción de Fonseca; cubrirei a batalla como reporteira de primeira fila, así que xa vos contarei como foi a cousa.