Na miña familia, tanto por parte de nai como de pai, o mar sempre foi o protagonista.

Meu avó materno- ao que non coñecín, xa que cando morreu eu estaba a piques de sair da barriga da miña nai – era pescador, seica bastante bo polo que teño entendido. Os meus catro tíos, dous deles mortos prematuramente, tamén dedicaron dun xeito ou outro a súa vida ao mar -tres como pescadores e un como mariño mercante- .

Ao meu avó paterno, canteiro, -ao que si coñecín, e que morreu de vello – lembro de sempre velo sair coa pequena barca a pescar fanecas e doncelas que despois fritían a miña avoa, ou a miña tía para comer ou cear. Lémbroo na porta da súa pequena casa facendo chalanas, pintándoas…O mar forma parte da miña vida desde que nacín.

Agora meus pais teñen unha pequeniña embarcación, coa que sobre todo meu pai vai pescar chocos, calamares e peixes que despois forman parte dos xantares en Compostela cos amigos…Un pouco do mar de Ferrol terra adentro, sobre unha mesa desta cidade de pedra. Esta pequena embarcación estivo a semana pasada na ría ferrolá, xunto con moitas outras, intentando impedir o que ao final foi…A entrada do Galicia Spirit cara á planta de gas. Curioso nome para un gaseiro, que se con algo pode rematar, vai ser precisamente con algo que forma parte do espírito de Galiza: o mar.

A casa dos meus pais e na que eu me criei queda case fronte á gasificadora cruzando o mar: na Cabana, un pequeno pobo entre a Graña e Ferrol… Unha bomba dentro da ría de Ferrol, unha bomba fronte á casa dos meus pais…

Aquí van algunhas das imaxes que tomaron nestes días…

Hai apertas na distancia: ao despedirse tras unha chamada, ao rematar de escribir un correo, ou ao deixar un comentario nun post…

Hai apertas nas distancias curtas: as que damos aos que queremos cando chegamos, cando nos despedimos, cando nos bicamos…

Hai apertas alegres, hai apertas tristes, hai apertas emocionantes…as que non o son non valen moito a pena, penso eu. Tamén penso que me gusta máis a palabra apreta, aínda que non estea ben dito…Pero as apretas sempre rematan, só quedan vivas na memoria, que non é pouco.

Hoxe vin na prensa unha das apretas máis fermosas e emocionantes da miña vida: unha apreta de máis de cinco mil anos…

Aínda que as explicacións do feito probablemente sexan un pouco prosaicas…

Ben, a rede é o que ten..as cousas teñen que ser inmediatas, senón…ten sentido agora que fale eu aquí de Prisiciliano case dúas semanas despois??? En fin supoño que falar de Prisiciliano en Galiza debe de ter sentido case sempre.

Achegueime ao Simposio, que durou dous días e medio, para xustificar que por algunha parte da casa teño un papeliño no que di que estudiei Historia, e que algo deben interesarme eses temas…Aínda que cada vez estou máis convencida que debera ter estudado Arte. Bueno en resumo… será que teño ganas de coller os libros outra vez, pero esta vez por puro placer…

A idea que tiña deste profeta contra o poder, como o denomina Xosé Chao Rego, era máis ben escasa, e non pasaba de catro historias anecdóticas e uns pouquiños datos buscados para facer un destaquiño no chollo, e que xa puxen no post anterior. Debo decir que na carreira…’ni esta boca es mía’ respecto do pobre de Prisciliano.

Que trouxen de alí…o mellor! A necesidade de saber máis, e como non atopo nas librarías o de Xosé Chao-Prisciliano, profeta contra o poder-, pois merquei Prisciliano a través del tiempo. Historia de los Estudios sobre el Priscilianismo de Andrés Olivares Guillem, e ando a ler nel . Supoño que con sorte rematereino antes do II Simposio Prisciliano, xa que ao ‘ritmiño’ que leo non dá para moito a cousa.

Tratouse a figura de Prisiciliano dende moitas perspectivas, pero non só se falou do personaxe, senón tamén do seu contorno, da Gallaecia do momento no que este viviu, da súa importancia como base do movemento cultural e literario naquel momento, falouse de Exeria-mirade esto: ‘que hay de todo en la viña del señor’- e de Paulo Orosio; da recuperación da figura do ‘herexe’-termo rexeitado por Xosé Chao para referirse a Prisciliano- polos membros da Xeración Nós como símbolo necesario da nosa identidade histórica e cultural…

Todos os que alí falaron coincidiron en que Prisciliano no seu momento non foi condenado por ir en contra da doutrina, senón polas prácticas que defendía: o ascetismo, a igualdade da muller na liturxia, o rexeitamento da escravitude…en fin, por estar en contra de moito do que implicaba o xeito de vivir do Imperio Romano…un Imperio en crise.

Obviamente isto é unha simplificación pouco digna de todo o que se falou alí, pero podería escribir ata a madrugada, e non é plan. Isto é o que hai…polo momento.

Esta fin de semana estiven no I Simposio Prisciliano organizado pola Asociación Cultural O Galo, e do que xa comentarei un pouquiño máis, para quen lle interese. Teño que revisar notiñas e todas esas cousas, que a idade vai afectando…
Déixovos como aperitivo a frase de Marc Bloch coa que Eduardo López comezou a súa, máis que interesante, conferencia ‘Prisciliano e o priscilianismo como motor do movemento cultural na Gallaecia’:


A incapacidade de entender o noso presente nace da ignorancia do noso pasado“.
Se queredes mentres tanto ter un pouquiño máis de información ao respecto, podedes consultar a que fixemos ela e máis eu por cuestións laborais.