… máis dous que fan por un: son oito en total, non é?
1. Madrugada do 20 ao 21 de xuño do 1999…Desde hai máis de oito anos, moito que celebrar…Xuntos.

Finais do ano 99 nos Concheiros, ou Tal como éramos

2. Gatos: o meu animal adorado. Estar deitada no sofá, agochadiña baixo unha manta con Merry e Pippin é un dos grandes praceres que a vida ten para min, e é tan próximo!!!!!!

Figuriña gatuna exipcia: Museo do Louvre, agosto de 2007

3. Teatro: paixón deixada de lado por actividades máis prosaicas. O tempo pasa, e xa hai moito que non sinto a emoción de pisar unhas táboas – aínda que sexan pequeniñas – . Meu pai, miña nai e miña irmá continúan no tallo; eu agora interpreto, con maior ou menor fortuna, arredor dunha mesa…

Roberto Zucco de Koltés con Bartoleta Teatro

4. Pintura: Non son quen de trazar unha liña con xeito. Non me chega unha vida para coñecer todo o que desexaría dos pintores que amo, para ver os seus cadros, e sinto mágoa dos que nunca verei…É unha fame eterna esta da cor: Vermeer, Klimt, Lempicka, Courbet, Da Vinci, Magritte, Miguel Anxo, Velázquez, Goya, De Hooch, Schiele, Caravaggio, Arcimboldo, HopperVERMEER!

O meu favorito do mundo mundial, o meu Soño de Delft

5. Viaxar…De momento pouco, non todo o que eu quixera cando menos. Lugar ao que volvería polo menos unha vez ao ano: Londres (aí coincido co Breogán).

Vista de London, tomada no 2005

6. San Cristovo en Ferrol: lembranzas, tranquilidade, familia, amigos, verán, sonecadas debaixo dun tilo…

Imaxe de San Cristoviño

7. Ler: novela sobre todo, desde nena, debaixo das mantas con pouca luz, tarde…Agora a pouquiños, polas noites…Neste momento, o último de Harry Potter.

Portada británica do derradeiro da saga

8. Cervexa, e o que a arrodea: amigos e amigas, risas, pinchiños e sair á rúa…

Birriñas nun pafeto do Quartier Latine en París

As listas son inxustas sempre…

Así son eu…Mais a que vén este descubrir os meus defectos sen pudor algún…

A semana pasada saíndo de paseo pola noite con algunhas amigas, estabamos a falar de xoias, pendentes, complementos e esas cousas, e eu dixen que eu era unha perdularia. Sempre ando a perder os pendentes, desde nena, ou non sei onde os deixo cando mos quito, e aparecen meses despois nos lugares máis insospeitados. Entón botaron a rir dicindo que nunca escoitaran esa palabra, pola contra, na miña casa díxose sempre.

Un pouquiño máis tarde e a horas algo máis intempestivas falabamos de sair de festa e bailar – mentres o faciamos – eu dixen que sempre fora unha canfurneira, aínda que agora teño menos folgos, e todas botaron a rir, preguntando que qué era iso de canfurneira…Só unha rapaza o sabía tamén, e por que, pois porque coma min era de Ferrol.

Isto non é para pedir as cinco palabras máis ‘autóctonas’ que saibades, pero non está de máis que todos nos enriquezamos mutuamente con palabras, agora que está aí á volta o día do libro…

E a foto…Pois é destas de porque si…De porque chegou a primavera, e porque a imaxe do noso gatiño Merry quentándose na fiestra é unha expresión da ledicia do sol primaveral dando no corpo…