…e nestes últimos non estou moi soñadora…

Desperto, non sei por canto tempo…

Ata entón, grazas, bicos e apretas…

O entroido pasou hai ben tempo e a Semana Santa está agardando en calquera recanto. As beirarrúas encheranse da cera dos lumes consumidos que permancerán durante semanas, e os devotos vestirán unhas roupas ben diferentes das do entroido…Para todos os gustos ten que haber.

A Semana Santa chega xusto despois dunha significativa data…o 15 de marzo, no que liberareime dunhas oposicións, para meterme noutras, esta vez para funcionaria xunteira de bibliotecas. Unha carreiriña de fondo que hai que tomar a modo, xa que neste sector son procesos bastante longos.

Estas semanas están sendo bastante calmas, da casa ao chollo, do chollo a casa, da casa á biblioteca e pouco máis. Afortunadamente xa non volvo a Academia, xa conto con todo o temario e o ambiente das oposicións resúltame…non sei como explicalo….alleo.

Nos interludios de lecer conseguín ir algo ao cinema, a ver No country for old men e o último traballo de dos meu ídolos – se é que teño diso – : Sweeney Todd: The Demon Barber of Fleet Street.

Da primeira que dicir, que malia gustarme moito Bardem – sempre me gustou – o filme deixoume totalmente indiferente. Bardem tenme gostado máis noutros filmes, sen ir máis lonxe no que lle proporcionou a súa anterior candidatura aos Oscar – Before night falls – e dos Coen me parecen incomparablemente máis boas Miller’s Crossing (Morte entre as flores) ou a divertidísima The Big Lebowski.

Sweeney Todd…Xenial!!!! Tim Burton e Johnny Depp, unha das mesturas máis orixinais e creativas do cinema actual. Non seái por que me atraen tanto estes dous individuos, pero teño debilidade por eles, e sei que calquera cousa que fagan xuntos será diferente, como estar nunha realidade paralela -aínda que sexa terrorífica-, síntome arrodeada totalmente polo seu espírito…e non quero sair de aí. Agora mesmo, mentres escribo estas palabras vivo nun pesadelo Elfmaniano…

Pois iso, que Sweeney Todd pareceume fabulosa, como unha peli da Hammer. Sempre lembrarei aquel ciclo que botaran na 2 de TVE cando eu tiña 15 anos…A cor do sangue é igual que a deses filmes – un vermello que fire os ollos – , as maquillaxes, a sobreactuación dos actores, o desasosego… e Johnny Depp cantando, demostrando que é capaz de facer o que lle boten. Tamén están espectaculares Alan Rickman e Timothy Spall, o Peter Petegrew de Harry Potter.

Na próxima visita que fagamos a Londres, xa teremos un sitio máis que visitar: Fleet Street!

A piques está de rematar o día no que fixen 35 anos…teño que soprar as candeas para decir que xa pasaron por min!!!!!

Chega o entroido para romper a monotonía dos últimos días, sen moito que contar…Da casa ao traballo, do traballo a casa e de casa á biblioteca -os días que conseguín ir e non me venceu o cansancio ou a dor de costas -.

Xa hai data para as opos, o 15 de marzo ás 12 da mañá na Facultade de Económicas de Santiago de Compostela, así que estes días, coa bendita ponte do luns, son os últimos que teño par disfrutar de algo de festa…

Voume disfrazar, despois de 8 anos, senón calculo mal. Sempre gostei moito das entroidadas, pero desde que cheguei a Compostela, por unhas cousas ou por outras non o fixera aínda…Agardo que este sexa o comezo dunha nova tradición…e non ter perdidas as mañas.

Feliz entroido a todos vós, e feliz enchenta de lacón e filloas (ou freixós como se di na miña terra)!!!

…e aquí vai a miña testemuña gráfica.

RESURRECCIÓN…

IDENTIDADE

Identidade igual a…
camiño percorrido ata hoxe
máis parada e reflexión
máis camiño por percorrer

Identidade igual a…
pegadas deixadas no camiño
pegadas deixadas nos demais

Identidade igual a…
camiño
máis
pegadas

FESTA, FESTA…

… máis dous que fan por un: son oito en total, non é?
1. Madrugada do 20 ao 21 de xuño do 1999…Desde hai máis de oito anos, moito que celebrar…Xuntos.

Finais do ano 99 nos Concheiros, ou Tal como éramos

2. Gatos: o meu animal adorado. Estar deitada no sofá, agochadiña baixo unha manta con Merry e Pippin é un dos grandes praceres que a vida ten para min, e é tan próximo!!!!!!

Figuriña gatuna exipcia: Museo do Louvre, agosto de 2007

3. Teatro: paixón deixada de lado por actividades máis prosaicas. O tempo pasa, e xa hai moito que non sinto a emoción de pisar unhas táboas – aínda que sexan pequeniñas – . Meu pai, miña nai e miña irmá continúan no tallo; eu agora interpreto, con maior ou menor fortuna, arredor dunha mesa…

Roberto Zucco de Koltés con Bartoleta Teatro

4. Pintura: Non son quen de trazar unha liña con xeito. Non me chega unha vida para coñecer todo o que desexaría dos pintores que amo, para ver os seus cadros, e sinto mágoa dos que nunca verei…É unha fame eterna esta da cor: Vermeer, Klimt, Lempicka, Courbet, Da Vinci, Magritte, Miguel Anxo, Velázquez, Goya, De Hooch, Schiele, Caravaggio, Arcimboldo, HopperVERMEER!

O meu favorito do mundo mundial, o meu Soño de Delft

5. Viaxar…De momento pouco, non todo o que eu quixera cando menos. Lugar ao que volvería polo menos unha vez ao ano: Londres (aí coincido co Breogán).

Vista de London, tomada no 2005

6. San Cristovo en Ferrol: lembranzas, tranquilidade, familia, amigos, verán, sonecadas debaixo dun tilo…

Imaxe de San Cristoviño

7. Ler: novela sobre todo, desde nena, debaixo das mantas con pouca luz, tarde…Agora a pouquiños, polas noites…Neste momento, o último de Harry Potter.

Portada británica do derradeiro da saga

8. Cervexa, e o que a arrodea: amigos e amigas, risas, pinchiños e sair á rúa…

Birriñas nun pafeto do Quartier Latine en París

As listas son inxustas sempre…

Vergonza

“Tanto el alcalde socialista de Ferrol, Vicente Irisarri, como el PP se felicitaron ayer por la concesión del permiso.”

Vergonza

” Según se indica desde la compañía, con este documento se cierran seis años de trámites administrativos, que confirman «que la terminal cumple todos los requisitos legalmente exigibles», después de que así lo hayan verificado de los técnicos de la Administración central.”

Vergonza

Desde la compañía se subrayó ayer que este último permiso se expide ‘despois de que os técnicos da Administración do Estado teñan verificado que a terminal cumpre todos os requisitos legalmente esixibles’. “

Medo

Como traballo nesto da documentación, e aspiro algunha vez na miña vida a currar nunha biblioteca – ando a preparar as opos – pois levo bastante tempo subscrita a unha lista de correo/foro para profesionais da Biblioteconomía e a Documentación.

Hoxe mandaron á lista a seguinte nova Prohibido dar el pecho.

Dyptique melun de Jean Fouquet

Dyptique melun, no Real Museo de Belas Artes de Amberes.

Jean Fouquet. Tours, 1416-1480.

En resumo, unha muller cun pequeno de tres anos e unha nena de peito, veuse na obriga de sair da sala de contacontos na que estaba co seu fillo de tres anos para darlle o peito á súa pequena no medio dun corredor…Impresionante! A explicación que lle deron, sempre en palabras desta muller, foi que os actores do contacontos podían sentirse agredidos pola súa falta de respeto.

É incrible que a estas alturas alguén se escandalice porque unha muller lle dea de mamar ao seu pequeno ou pequena en público. A min o que me gustaría saber é con que ollos mira a xente…

Ás veces os soños fanse realidade. E estes días teño a sorte de ver un, e de ter ao meu carón a un dos seus autores, ao meu Breogán –Xeógrafo cando comecei este blog, hai por estas datas dous anos – . Tras moita loita, esforzo e demoras, desde onte está nas librarías As Crónicas de Gáidil…

Amra e Breogán traballaron moi duro durante tempo para ver publicado este traballo, un mundo ao que Rivas lle puxo cara e paisaxes ( e moito máis), e que desde agora estará nas mans dos xogadores…Pero as Crónicas de Gáidil teñen o seu espazo, así que a elas vos remito…Gozádeas !!!!!


Estes dous días foron destes de non esquecer, de non poder pedir máis. O 24 pasadas as 6 da tarde encontrámonos con Torredebabel no Festigal – na Galería das Letras – alí estabamos a Pícara, Artipráctor e eu, non foron máis de un par de horas, pero intensas. Moitas cousas que contar en pouco tempo, e tamén unha estraña sensación de irrealidade…

O Día da Patria comezou cedo, o Breogán e eu quedamos con Torre e a Pícara para ir a manifestación do 25 de xullo.Fixemos parada no Derby onde Torredebabel quedara con Moralla, eis outra máis que grata sorpresa, o círculo ía crecendo…

A manifa ben, o discurso da Quintana moi esquecíbel, mitin de campaña e non do Día da Patria, marcharía senón fora porque non podo deixar pasar ese día sen cantar os Queixumes na que para min, é a praza máis fermosa de Compostela.

Despois xantar a Casa Felisa e chegada, de Lúa Neghra. Compañía, conversas e xantares deliciosos…pouco máis se pode pedir. De alí paseo turístico por Compostela de camiño ao Festigal, Breogán exerceu para Torre de perfecto Cicerone, como bo picheleiro que é.

No Festigal, máis paseo, máis falangueirada e máis encontros, alí agardaban tamén a Besbelliña e Lourixe. Tras un rato de parolada baixo un sol de xustiza, que xa era necesario, achegámonos a tomar unhas cervexas e un pouco de polbo e churrasco a un dos chiringuitos onde aínda permanecían algúns Chuzarrasqueiros…Papaina, conversa, risos e retirada para casiña, que ao día seguinte era día de escola.En resumo insequecible…Mágoa tamén que foi momento de despedidas