A piques de sair para a inauguración da nova sede da Libraría Couceiro – na Praza de Cervantes, a carón do noso fogar –  paso por aquí só para dicir, que dentro dunha semana comezo as vacacións…Un mes de agosto por diante, no que ‘Deus diante’ coñeceremos París, e verán a luz, nunha presentación nas Viñetas do Atlántico, As Crónicas de Gáidil, un soño agardado, froito dun duro esforzo e da imaxinación de Amra e Breogán, ilustrado por Víctor Rivas

Velaí vai un dos debuxos que ilustrarán este xogo de rol, e un dos meus preferidos….

Rooms by the Sea, 1951. Edward Hopper
Oleo sobre lenzo. 29 x 40. Yale University Art Gallery, New Haven, Connecticut.

Así dicía a canción de Silvio Rodríguez, aínda que no meu caso debería cambiar o mes de abril polo de agosto:

“Y a mi me escarba la ansiedad/me escarba hondo, acá, en lo blando;/ me escarba simple, de escarbar, como para que se hunda más/ el día feliz que está llegando.”

Pois iso, o ano pasa factura co seu cansancio, e a ansiedade das vacacións que tardan séculos en chegar cae sobre min como unha pedra.

Con todo hai cousas que farán o camiño moito máis levadeiro ata ese bendito 31 de xullo: a festa do día da patria e unha agardada visita…por fin!

Foi un pracer escoitar a este xenio do cinema contemporáneo no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.

“Dicir a verdade é revolucionario”.

Ken Loach, Compostela 20 de xuño de 2007

E el as dixo como puños…

Por outra banda ese mesmo día tamén foi o dun aniversario… Unha crónica que comezou na entrada do verán de hai oito anos…unha crónica que agardo sexa eterna.

Así veía Michelangello a David e a Goliath

En pintura

En escultura


Así se ve en Ferrol a Goliath

Ben, houbo Letras Galegas, houbo ponte e paseíño por Coruña e por Vigo por mor desa novidade editorial que moitos agardamos impacientes.

En Vigo despois de comer unha deliciosa berenxena con bacallau no Palo Palo en compañía de Breogán, Kunka e Tromzar, e mentres os creadores de Gáidil se reunían co seu ilustrador, outros marchamos a ver a fabulosísima exposición de Tamara de Lempicka, que agardo ir ver de novo antes de que remate. Algún obxecto persoal da pintora, fotografías e a súa obra – pictórica e en debuxos – , sempre acompañada de textos explicativos moi ilustradores e nada pesados. Saín moi impresionada, se hai obras de algúns artistas que perden na corta distancia, hai que dicir que a de Tamara de Lempicka gaña, e esa frivolidade que moitas veces se lle bota en culpa nas súas pinturas, por outro lado sempre fermosas, esváese en cadros como o seu Refuxiados españois, unha peza pintada no 1937.

Unha fabulosa escolla pinturas entre as que estaban algunhas das súas máis recoñecidas: Retrato do marqués d’Afflitto, Retrato da Duquesa da Salle, moitos das súa filla Kizette, Saint Moritz, Retrato de Tadeusz de Lempicki, Home vello con guitarra…Pero un dos que nos pareceu máis fermoso as persoas que alí fomos foi este: A túnica rosa…Impresionante ao vivo!

Ben e hoxe domingo electoral, aquí en Santiago -onde estou empadroada – as cousas máis ou menos quedan como están, pero parece que en Ferrol, a miña terra, terá novos aires…É moi difícil facer as cousas peor do que se estaban a facer nesa cidade tan castigada, agardemos que este novo goberno que chega á cidade traia un pouco de esperanza, e apoie a loita do pobo contra o polvorín que nos meteron no medio da ría.

Lua Neghra convidoume e non podo, nin quero dicir que non, e aínda que xa non compartimos certas fatigas, si que podemos compartir sentimentos, e iso sempre é gratificante… Ela propón unha listaxe de músicas, letras ou imaxes que nos emocionen ata as bágoas, a libre elección, pois a ver o que sae de aquí…

1. Música: xa que o convite sae dun post que se chama Días de abril, no que fai homenaxe á Revolución dos Cravos – e tendo en conta que as dúas temos sange ferrolá, e polo tanto levamos o cantar no sangue – hei de dicir, aínda que soe a topicazo que non podo escoitar sen que asome unha bágoa – ou dúas – Grândola, desde nena me emociono ao escoitar esa canción…Incluso cando non sabía moi ben todo o que significaba. As voces poderosas e cargadas de emoción, como nesta canción, non precisan de explicación.

2. Máis música: Alfonsina y el mar. Case non me lembraba… Hai poucos días nunha celebración entre amigos, un deles músico, tras facernos escachar coa risa cantando algunhas de Les Luthiers comezou a rolda de compracementos: bossa para Ana, que canta como os anxos e despois Alfonsina…Había tempo que non a cantaba e tamén que non lembraba como me emocionaba con ela…Nada, que vivo afogada pola música pop, que lle queres!!!!

3. Películas: Chorei con milleiros delas, pero agora me vén á mente, por influencia tamén do comentario á canción de The Kids, que fai Lua Neghra: A decisión de Sophie, cando ela ten que elexir, ante a petición dun soldado alemán entre a vida da súa filla e a do seu fillo…Tamén en De ratos e homes cando George vese na obriga de pegarlle un tiro ao seu compañeiro antes de que unha moitedume de xente se achegue para linchalo… E por supostísimo esta, sempre…

4. Imaxe: Pois serían innumerábeis, pero por exemplo esta que vin hoxe paseando por aquí, as imaxes de nenos padecendo a guerra, ou a fame…Aínda que non sei se saen bágoas, ou berros da gorxa ante tanta estupidez humana….

5. Letras: Isto é o menos doado…As imaxes e as músicas me chegan á mente con máis facilidade…Houbo moitos, e busco na mente e xorden pasaxes de A vella serea, Ensaio sobre a cegueira, as traxedias da Triloxía Tebana de Sófocles, pero agora cheogume á mente este: Recuerdos de la resistencia. Querería poñer algun párrafo, máis coñedes a frase “Libro prestado, libro perdido ou estropeado”, pois neste caso foi así…En calquera caso, son as historias de mulleres protagonistas da Guerra Civil, desde as máis recoñecidas, como Federica Montseny ou Dolores Ibarruri, e incluso Rosario La Dinamitera, ás máis anónimas que morreron nos cárceres ou loitaron de todos os xeitos que puideron no frente e tras el…

Non encomendo a ninguén máis esta petición porque a miña xa foi respostada con moito retraso, e xa hai outras novas circulando pola rede, en calquera caso, aí queda esta.

Dous meses dan para moito, ou para moi pouco según como se mire…Mais a mmmmúsica foi quen de sacarme do letargo.

Tras un mes de febreiro cunha xornada máis longa do habitual que durou ata case mediados de marzo, e no que entre outras cousas fixen 34 anos como 34 soles, ou chuvias según como se mire, chegou unha etapa un pouquiño máis descansada…

Mentiría se dixera que non só non escribín por falta de tempo e ganas de estar diante do portátil. Imaxino que en todo hai etapas, e esta foi un breve descanso que supoño que se repetirá co tempo, ou non…

Convidada por Lúa neghra e Trasalba a facer crecer esta listaxe dos nosos temas mmmmmusicais erótico-festivos favoritos, e agradecendo previamente que me tiveran en conta malia o tempo que levo sen pasar por aquí e por acolá, vaia por diante a miña listaxe…

Dez temas, parécenme moitos temas, non porque non os haxa obviamente, senón porque agora mesmo a inspiración marchou de vacacións e cómpre respostar a esta petición antes de que caduque. E así, e facendo honra ao tema das listaxes do que falou Nick Hornby na divertídisa Alta Fidelidade, da que xa falei noutro post, vaia por diante a miña lista de cinco, mañá serían outras totalmente diferentes, talvez dentro de media hora, mais a que nunca, nunca, nunca mudaría sería a primeira…

1. Love theme da banda sonora da Blade Runner

2. Come on baby light my fire deThe Doors

3. No tocarte de Radio Futura

4. Put the Blame on mame de Rita Hayworth

5. Walk on the wild side de Lou Reed

…e acaba de virme á cabeza Sway cantada por Dean Martin e incluída na banda sonora de 2046.

Coido que xa pasou o tempo de mandar este requerimento a máis xente, e xa todos fustes convidados por alguén, así que botando un ollo vexo que faltan Breogán, o Paideleo e Artipráctor

Hai apertas na distancia: ao despedirse tras unha chamada, ao rematar de escribir un correo, ou ao deixar un comentario nun post…

Hai apertas nas distancias curtas: as que damos aos que queremos cando chegamos, cando nos despedimos, cando nos bicamos…

Hai apertas alegres, hai apertas tristes, hai apertas emocionantes…as que non o son non valen moito a pena, penso eu. Tamén penso que me gusta máis a palabra apreta, aínda que non estea ben dito…Pero as apretas sempre rematan, só quedan vivas na memoria, que non é pouco.

Hoxe vin na prensa unha das apretas máis fermosas e emocionantes da miña vida: unha apreta de máis de cinco mil anos…

Aínda que as explicacións do feito probablemente sexan un pouco prosaicas…

Ben, están a piques de rematar este periodo de consumismo feroz…E remata como sempre coa celebración do día de Reis, un día no que os nenos reciben regalos tras escoitar desde hai moitos días a mesma pregunta: Fúchedes bos?

Supoño que os nenos son bos, e as súas ‘maldades’ son iso, cousas de nenos, cousas que non os van privar de recibir os agasallos das súas Maxestades…o catolicismo sempre coa súa teima da culpabilidade.

E mentres quen lles pregunta aos que non merecen un só agasallo?

En calquer caso aí vai unha imaxe deste día..creo que non está na miña listaxe, pero tamén é dos meus favoritos: Mantegna; o seu Cristo me parece dos máis fermosas representacións sobre ese tema na historia da arte.